26 ene 2011

AVOA CENTENARIA

Madruga con ansia para darlle de comer aos animais.

A veciña de O Pino Plácida Quián Suárez celebrou o seu centenario o pasado luns chea de enerxía vital.

Na conmemoración deste gran día foi agasallada con unha imaxe da Virxe da Tenrura por parte do párroco de Arca. Tamén recibiu un ramo de flores e unha placa conmemorativa do evento que lle entregaron o alcalde e dúas edís como representación municipal.

21 ene 2011

PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR



Dotado con axudas dun 25% do custo a partir dos 500€ desde o 6 de abril

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) presentou a primeira edición dun Plan de Renovación de Equipos de Iluminación Interior destinado a conceder axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos a través da substitución das instalacións lumínicas existentes de iluminación por outras máis eficientes.

Será subvencionable a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre e cando permitan reducir a potencia instalada en iluminación, polo menos, nun 30%, cumprindo os requirimentos de calidade e confort visual regulamentarios.

Tamén se subvencionará a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación.

I CONCURSO DE CARTAS DE AMOR E IMAXES ROMÁNTICAS - SAN VALENTÍN

O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino convoca o I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Poderán participar no concurso tódalas persoas empadroadas no concello de O Pino presentando obras inéditas sobre o amor en calquera das súas manifestacións.

Cada concursante poderá participar nas dúas modalidades presentando como máximo dous traballos -unha carta e unha fotografía- no Concello, no Centro Sociocultural Luís Seoane ou na Biblioteca Municipal.

Segundo as bases do concurso, cada traballo será presentado dentro dun sobre grande cun lema por fóra. A ese sobre grande irá grampado un sobre pequeno co mesmo lema exterior que conterá os datos do autor/a.

As cartas deben estar redactadas en lingua galega utilizando un máximo de tres folios mecanografados a dobre espazo e pódese recorrer ao formato de narración, poema ou mensaxe curta.

Na modalidade de fotografía, as imaxes presentadas serán orixinais en tamaño 15x20 a cor ou branco e negro que non plaxien ou usurpen a terceiros presentadas. O autor debe contar coa autorización de publicación das persoas que aparezan nas imaxes, ou de seu pai, nai ou titor/a nos casos de que os que aparezan sexan menores de idade.

Tódalas obras participantes pasarán a formar parte do arquivo municipal e o Concello resérvase o dereito de publicalos, citando sempre o nome do autor/a.

Hai tres premios por categoría –1º premio, 2º e accésit- dotados con 200€, 150€ e 75€ respectivamente que fallará de xeito inapelable un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural.

19 ene 2011

CURSO DE GRADUADO EN ESO PARA ADULTOS EN O PINO


O prazo de inscrición está aberto ata o día 4 de febreiro.


O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos dispostas a obter o título de Graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias nos meses de xuño e setembro que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o 4 de febreiro na oficina de Desenvolvemento Local do Concello ou no teléfono 981 511 002.

18 ene 2011

NOVA LIÑA ELÉCTRICA

UDESA prevé instalar unha liña eléctrica subterránea a 20 kV entre o C.T. Arca III, na Avda. de Santiago e o C.T. Fontela, pasando polo C.T. A Solaina.

A petición de autorización de instalación da nova liña, que terá 1696 m de lonxitude en condutor R.H.Z.-1 de 240 mm2, está sometida a información pública co expediente IN407A 10/312, segundo publica o DOG do luns, 17 de xaneiro.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente e presentar as súas alegacións no departamento territorial de A Coruña, no prazo de vinte días a partir da publicación.

13 ene 2011

CAFÉ-COLOQUIO NO CENTRO SOCIOCULTURAL LUÍS SEOANE

A Concellaría da Muller e Benestar Social do Concello de O Pino organiza un café-coloquio en colaboración coa ANPA do CPI Camiño de Santiago.

O coloquio está pensado para a asistencia conxunta de nais e pais coas respectivas fillas e fillos de ata 21 anos para tratar de forma estendida temas de interese común.

No acto, coordinado por SIF (Servicios Integrais de Información), abordaranse a presión de grupo, o fenómeno botellón, as drogas, o acoso escolar, o poñer límites, etc.

As familias interesadas deben confirmar a asistencia antes do día 19 contactando coa Educadora Familiar-Psicóloga do Concello.

12 ene 2011

CINCUENTA ANOS DE “MEMORIAS DUN NENO LABREGO”

A obra de Neira Vilas vai xa pola 31 edición e leva vendidos máis de 600.000 exemplares.

O autor celebrou o aniversario na Estrada e anunciou que prepara un guión para un filme sobre a obra.


Memorias dun neno labrego” publicouse por primeira vez o 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires, onde Neira Vilas se atopaba emigrado dende 1949.

Esta novela, que converteu a Xosé Neira Vilas no autor máis lido da historia da literatura galega, supera xa os 600.000 exemplares vendidos e foi traducida, entre outros moitos idiomas, ao chinés, ao ruso e ao esperanto.

Para conmemorar o 50 aniversario da primeira edición da súa emblemática obra, Neira Vilas, natural de Gres-Vila de Cruces, participou nun acto multitudinario que tivo lugar o pasado 5 de xaneiro no Museo do Moble de A Estrada .

No acto, o escritor anunciou que está a preparar o guión para un filme baseado nesta publicación.

A editorial Galaxia fará unha reedición da novela utilizando a portada orixinal de Luís Seoane.

Para unirnos a este aniversario tan significativo recorremos a Mini e Mero que cantan con Quenlla ao Balbino.


APROBADO O ESTUDO INFORMATIVO DO ÚLTIMO TRAMO DA A-54

O orzamento estimado para este tramo de 28 quilómetros, Arzúa-Palas de Rei, da autovía entre Santiago e Lugo é de 188,9 millóns de euros.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este martes, 11 de xaneiro, a aprobación definitiva por parte do Ministerio de Fomento do estudo informativo correspondente ao tramo Arzúa-Palas de Rei da Autovía A-54, entre Santiago e Lugo.

10 ene 2011

O BNG LOCAL REXEITA A VALORACIÓN QUE A DEPUTACIÓN FIXO SOBRE A ECONOMÍA DO CONCELLO

Xosé R. Franco cuestiona que o goberno local sexa austero e reclama servizos básicos.

O líder da agrupación local do BNG, Xosé R. Franco, argumenta que o municipio non aproveitou os tempos de bonanza económica procedente do incremento da recadación municipal por licenzas urbanísticas para dotar ao concello dos servizos e infraestruturas básicas que se precisan.

FERNÁNDEZ PADERNE RENUNCIA SER CANDIDATO DO PSOE Á ALCALDÍA NAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS

Tamén renuncia ao cargo de secretario da agrupación local.

O portavoz do PSOE de O Pino, José Luís Fernández Paderne, presentou a súa renuncia tanto a encabezar as listas á alcaldía de O Pino nas próximas eleccións municipais, como a continuar de secretario da agrupación local.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text