25 feb 2011

ABALAR AVALA A SÚA CONTINUIDADE





No próximo curso, o proxecto implantarase en 6º de Primaria e 2º da ESO.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anunciou onte no seu portal a continuidade o vindeiro curso 2011-2012 dun renovado Proxecto Abalar, que estenderá a súa área de actuación a 6º de E. Primaria e 2º da ESO, manténdoa en 5º e 1º.

En datas próximas a Consellería sacará a concurso público a subministración do equipamento informático necesario para a ampliación do proxecto o vindeiro curso. Na convocatoria especificaranse as características técnicas requiridas para os novos ultraportátiles destinados ao alumnado que se suma ao proxecto.

Quedan agora por facer no centro as adaptacións necesarias para que as aulas de 6º de E. Primaria e 2º da ESO poidan recibir o novo equipamento para comezar a funcionar sen demora.

24 feb 2011

CHARLAS DA GARDA CIVIL NO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO

Colaboran co centro na prevención de riscos para os escolares.

O vindeiro luns, 28 de febreiro persoal da Garda Civil realizará no centro catro charlas destinadas aos escolares da ESO e do terceiro ciclo de E. primaria. Os temas foron elixidos polo profesorado titor do alumnado ao que van dirixidas as actividades e enmárcanse no Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade escolar.

O obxectivo principal deste plan é achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia ofrecendo aos centros a asistencia técnica necesaria e información para mellorar os coñecementos sobre a seguridade que afecta aos adolescentes.

A primeira charla, que comezará ás 8.30 horas abordará as saídas profesionais nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e está destinada ao alumnado de 4º de ESO.

O alumnado de 5º e 6º de E. Primaria será o destinatario da segunda charla que se desenvolverá a partir das 9.30 e abordará os riscos de Internet.

Na terceira actividade, que ten previsto o seu inicio ás 11.30, os escolares do primeiro ciclo de ESO recibirán información e asesoramento sobre a prevención do acoso escolar.

A cuarta sesión tamén está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO e tratará o tema da prevención das drogodependencias.

10 feb 2011

SESIÓN ORDINARIA DO CONSELLO ESCOLAR

No ano 2011 prevese xestionar un presuposto xeral de 144.052,71€

O pasado martes 8 de febreiro celebrouse unha sesión ordinaria do Consello Escolar a partir das 19:00 horas na que tódolos acordos se adoptaron por unanimidade.

No apartado económico, os conselleiros aprobaron a xestión do orzamento xeral do centro e a do comedor escolar correspondentes ao ano 2010, así como o proxecto de orzamento para o ano 2011. No orzamento xeral do 2010 xustifícanse 181.312,74 € de gastos, mentres que na xestión económica do comedor, os gastos ascenderon a 75.160,42€.

Respecto ao comedor escolar, tamén se aprobaron os menús a elaborar no que resta de curso e trasladouse o agradecemento dos usuarios de ESO por ser tidas en conta as súas demandas na elaboración do xantar dos martes.

O CPI Camiño de Santiago mantén a colaboración co Concello facilitándolle a utilización de espazos do Centro para poder levar a cabo o programa Lecer Primavera que se desenvolverá os dias 18. 19, 20 e 25 de abril con horario de 07:30 a 15:30 horas para axudar ás familias de o Pino a compaxinar a vida laboral e familiar nas vacacións escolares de SEMANA SANTA.

Entre as informacións varias que facilitou a presidenta do Consello Escolar destaca a decisión de suspender a un alumno do seu dereito de asistencia ao centro durante 29 días, previa a instrución do correspondente expediente disciplinario por agresións moi graves a unha compañeira. Durante ese tempo, o escolar deberá realizar as actividades que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

3 feb 2011

O PINO, PATRIMONIO E NATUREZA

O Concello de O Pino publica na web o vídeo “O Pino. Heritage and Nature no que ofrece ao mundo unha mostra do seu patrimonio e natureza presentados nun traballo de 4:20 minutos de duración en formato Macromedia Flash.

O audiovisual está aloxado en You Tube desde a páxina web de World News, no enderezo http://wn.com/concellodeopino, que ofrece ademais unha colección de imaxes sen filtrar obtidas a través de Google Images utilizando como criterio de busca “Concellodeopino”

A información complementaria figura en inglés e castelán.


1 feb 2011

OS DOCENTES PODERÁN VOLVER USAR O COMEDOR SE HAI VACANTES

Sentenza a favor da CIG-Ensino

Mediante unha instrución de xuño de 2010 sobre o funcionamento dos comedores escolares, a Consellería de Educación impedía no artigo 4.4 o uso deste servizo aos docentes se os colaboradores do comedor non eran persoal do propio centro.

En tódolos centros con comedor dependente da Consellería de educación nos que son as nais, pais ou titores os que realizan o servizo de colaboración, entre os que se inclúe o CPI Camiño de Santiago, os docentes deixaron de ter dereito á utilización do servizo de comedor aboando a cantidade fixada.

Contra esta orde interpuxera un recurso o sindicato CIG-Ensino e agora o Xulgado Contencioso Administrativo nº de 2 de Santiago acaba de ditar sentenza a favor do citado recurso que anula o artigo 4.4 da orde da Xunta.

O fallo do xulgado baséase en que a orde vai en contra dunha norma de maior rango, o Decreto 10/2007 elaborado polo Goberno bipartito, no que se recolle que os docentes de centros públicos poderán facer uso do comedor se hai prazas libres, abonan a cantidade fixada e hai persoal suficiente que atenda ao alumno.

Aínda que cabe apelación, a Consellería de Educación decidiu acatar a sentenza.


 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text