Mostrando entradas con la etiqueta Artes plásticas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Artes plásticas. Mostrar todas las entradas

31 ene 2011

MODIFICACIÓNS NAS BASES DO CONCURSO SAN VALENTÍN 2011


O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino modificou as bases do I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas organizado co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Os cambios afectan aos premios, tres por categoría –1º premio, e accésit- que cambian a dotación económica por Aloxamento en hotel + cea + tratamento termal, Aloxamento en hotel + almorzo, e Cea para dúas persoas respectivamente.

Un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural seleccionará as cartas de amor, poemas ou mensaxes atendendo a criterios de calidade literaria, creatividade, orixinalidade, desenvolvemento da estrutura da narración, a referencia á temática do concurso e a ausencia de faltas de ortografía.

Para a selección das imaxes, o xurado valorará a orixinalidade, creatividade e calidade artística.

30 ene 2011

125 ANOS DE CASTELAO

27 ene 2011

CONCURSO DE CARTEIS DE ENTROIDO

O cartel premiado será o que se utilice para anunciar o Entroido.

O Concello de O Pino acaba de convocar o seu XII Concurso de carteis aberto á participación das persoas empadroadas en O Pino de idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos.

As obras presentadas a concurso terán formato DIN A4 e deben incluír a lenda “O Pino, Entroido 2011”. Tamén teñen que levar no reverso nome, idade, enderezo e teléfono do autor ou autora.

Os concursantes poden presentar os seus carteis ata o xoves, 17 de febreiro no CPI Camiño de Santiago, no Concello ou no Centro Sociocultural Luís Seoane.

O concurso establece tres categorías por tramos de idade e os premios outorgados, un por categoría, estarán adaptados ás idades dos participantes.

O xurado valorará en cada cartel a calidade, a orixinalidade, os elementos empregados e as referencias ao concello.

A entrega de premios realizarase o domingo día 6 de marzo, durante o Concurso de Disfraces organizado polo Concello.

21 ene 2011

I CONCURSO DE CARTAS DE AMOR E IMAXES ROMÁNTICAS - SAN VALENTÍN

O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino convoca o I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Poderán participar no concurso tódalas persoas empadroadas no concello de O Pino presentando obras inéditas sobre o amor en calquera das súas manifestacións.

Cada concursante poderá participar nas dúas modalidades presentando como máximo dous traballos -unha carta e unha fotografía- no Concello, no Centro Sociocultural Luís Seoane ou na Biblioteca Municipal.

Segundo as bases do concurso, cada traballo será presentado dentro dun sobre grande cun lema por fóra. A ese sobre grande irá grampado un sobre pequeno co mesmo lema exterior que conterá os datos do autor/a.

As cartas deben estar redactadas en lingua galega utilizando un máximo de tres folios mecanografados a dobre espazo e pódese recorrer ao formato de narración, poema ou mensaxe curta.

Na modalidade de fotografía, as imaxes presentadas serán orixinais en tamaño 15x20 a cor ou branco e negro que non plaxien ou usurpen a terceiros presentadas. O autor debe contar coa autorización de publicación das persoas que aparezan nas imaxes, ou de seu pai, nai ou titor/a nos casos de que os que aparezan sexan menores de idade.

Tódalas obras participantes pasarán a formar parte do arquivo municipal e o Concello resérvase o dereito de publicalos, citando sempre o nome do autor/a.

Hai tres premios por categoría –1º premio, 2º e accésit- dotados con 200€, 150€ e 75€ respectivamente que fallará de xeito inapelable un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural.

20 dic 2010

POEMAS ALUMEADOS, A NOSA PROPOSTA PARA ESTE NADAL.



Seoane, o ilustrador ilustrado.

Con motivo da celebración do primeiro centenario do nacemento de Luís Seoane (Bos Aires, 1 de xuño de 1910- A Coruña, 1979), presentouse no pasado mes de novembro o libro Poemas Alumeados

A obra recolle en 84 páxinas, unha selección de 14 poemas do polifacético Luís Seoane traducidos ao galego pola editora Rosa Espiñeira Pan e acompañado cada un deles por unha ilustración doutros tantos artistas plásticos contemporáneos: Pepe Barro, Lipa Burd, Xaquín Chaves, Correa Corredoira, Felipe Criado, Gabú, Detlef Kappeler, Tiago Madeira, Jesús Núñez, Xoán Piñón, Hermenegildo Sábat, Xosé Salgado, Lía Santana, Reiner Schiestl e Pilar Turbón.

Esta xoia, con formato 24x17 cm. e encadernada en tela, está editada por figurandorecuerdo(s)edicións e contén un limiar de X. L. Méndez Ferrín.

Trátase dunha boa opción para agasallar no Nadal cunha escolma da obra poética de Seoane ilustrada por artistas contemporáneos.

E o prezo? Arredor dos 14 €.

19 dic 2010

LUÍS SEOANE HOMENAXEADO POLA RAG NO CEMITERIO CORUÑÉS DE SANTO AMARO


A Real Academia homenaxeou tamén aos intelectuais galegos enterrados neste camposanto.

A Real Academia Galega (RAG) homenaxeou onte na Coruña a Luís Seoane ao rematar o ano do centenario do nacemento deste ilustre pensador galego. A RAG estendeu esta homenaxe aos personaxes relevantes da cultura e política galega enterrados neste camposanto de A Coruña.

Ao evento asistiron máis dun cento de persoas entre as que figuraban os actuais dirixentes da RAG, concelleiros do municipio herculino, parlamentarios, representantes universitarios e de distintas asociacións culturais.

O acto iniciouse ás portas do cemiterio de Santo Amaro. Actuaron de guías o secretario da Real Academia -Xosé Luís Axeitos- e a edil herculina María Xosé Bravo, responsable da concellería de Cultura, quen se referiu a Seoane no acto de recepción dos participantes como "o home da sensibilidade universal, quen dixo que a arte sempre ten que estar ó servizo da verdade". "Foi un home capaz de romper as falsas dicotomías do rural e do urbano, da tradición e da modernidade, do popular e do culto". Pola súa banda Axeitos afirmou que “O traballo de Seoane permitiu crear un discurso de identidade ao redor da palabra Galicia

Xa dentro do cemiterio, a comitiva percorreu ao son das gaitas as rúas do cemiterio e realizou a primeira parada ao pé da tumba de Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega. Aquí os académicos Margarita Ledo e Eloxio Ruibal leron os nomes dos 57 ilustres enterrados en Santo Amaro ao tempo que se depositaron na tumba de Murguía caraveis para honralos a todos.

Entre as personalidades que descansan no cemiterio figuran Curros Enriquez, Eduardo Pondal, Xoán Casal, Miguel González-Garcés, Francisca Herrera Garrido, Antón Villar Ponte, Isidoro Brocos, Enrique Carré Alvarellos, Ánxel Casal, Durán Loriga ou os obreiros falecidos na primeira folga en Galicia.

De seguido a comitiva dirixiuse polo paseo central ata a tumba de Luís Seoane, na que a poeta e académica Luz Pozo Garza e mais María Xosé Bravo depositaron unha coroa de flores cunha banda coas cores da bandeira galega.

No acto central, interveu Xosé Luís Méndez Ferrín quen se referiu ao o cemiterio de San Amaro como o maior espazo de memoria literaria, científica, cultural, política e histórica de Galicia.

Logo, centrouse na figura de Seoane, “a figura intelectual galega máis importante da segunda metade do século XX”, para dicir del que logo de “nacer en Bos Aires, escolleu ser galego, e elixiu A Coruña como a cidade á que pertencer”.

Luís Seoane perseguía unha visión axeitada ao humanismo laico para que unha Galicia consciente coñecese as súas raíces históricas, pero tamén míticas”.

Foi un home que miraba o mundo, que estivo na política, en maiúsculas” “Como suxeito histórico foi un apaixonado do ben individual que tiña sede do ben colectivo. Tivo unha visión de Galicia nacida dende a racionalidade e non só dende o corazón” e que “cos valores do humanismo, sempre traballou, e fíxoo a fondo na construción nacional”.

O acto concluíu coa interpretación do Himno Galego por Cantigas da Terra

Esta homenaxe foi un dos últimos actos cos que se celebra o centenario do nacemento do prolífico Luís Seoane, un intelectual polifacético considerado un dos máximo referentes da cultura galega da segunda metade do século XX.

14 dic 2010

RESOLTO O V CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CONCELLO DE O PINO.

As nove fotografías premiadas configurarán o calendario municipal para o ano 2011

O xurado do certame acaba de seleccionar as nove imaxes premiadas no V Concurso de Fotografía

Resultaron gañadores das tres categorías establecidas e obtiveron un premio en metálico de 125€, Patricia Santos en Natureza, Marcos Rey en Patrimonio e Cristina Guerra en Personaxes.

Os outros dous galardoados, segundo e terceiro, de cada categoría foron André Díaz (75€) e Isabel Domínguez (50€), en Natureza; Alberto Pampín (75€) e Cristina Villar (50€), en Patrimonio, e en Personaxes, o segundo premio foi para Marcos Fernández e o terceiro, para Cristina Guerra.

As fotografías poderán contemplarse proximamente na entrada da Casa do Concello de O Pino e serán incluídas no calendario municipal do ano 2011.

Queda por confirmar a data de entrega de premios.

3 dic 2010

V CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DO CONCELLO DE O PINO.

O prazo de presentación de obras remata o 10 de decembro

A Concellaría de Educación do Concello de O Pino organiza a 5ª edición do Concurso de Fotografía.

As persoas interesadas en participar nesta edición poden optar por tres categorías: personaxes, natureza e patrimonio, presentando, ata o 10 de decembro, obras inéditas de temática relacionada co concello de O Pino.

As bases establecen tres premios en metálico por categoría. Os gañadores obterán 125 euros, os segundos 75, e os terceiros 50 euros.

23 nov 2010

V CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de O Pino abre a convocatoria ata o 30 de novembro.

O Concurso de Postais de Nadal vai dirixido aos rapaces e rapazas de O Pino escolarizados desde E. Infantil ata a Educación Secundaria e divididos en cinco categorías, das que tres corresponden aos ciclos de Educación Primaria.

Os interesados/as poden participar de forma individual ou en grupo e presentarán unha única postal realizada en calquera técnica sobre formato DIN-A4 na que poden incluír algunha mensaxe ou desexo para o 2011 en lingua galega.

Os traballos, que deberán ser inéditos e incluír por atrás os datos do autor (nome e apelidos, idade, enderezo e número de teléfono) poden presentarse no CPI Camiño de Santiago, no Concello de O Pino ou na Biblioteca Municipal ata o martes, 30 de novembro.

Premiarase unha postal por categoría e de entre estas elixirase a que utilice o Concello para felicitar as festas a toda a veciñanza.

A entrega de premios realizarase durante a celebración do Festival de Nadal organizado polo CPI Camiño de Santiago. O gañador/a de cada categoría recibirá un lote de libros en galego e outros elementos educativos.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text