Mostrando entradas con la etiqueta escola. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta escola. Mostrar todas las entradas

30 nov 2012

RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR

Rematadas as votacións, foron proclamados os candidatos

Este ano corresponde renovar a metade dos membros do Consello Escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos.



O Consello Escolar é o órgano colexiado de goberno mediante o que participan na xestión do centro educativo tódolos sectores da comunidade a través dos seus representantes. Como os demais órganos de goberno, ó Consello Escolar correspóndelle velar pola efectiva realización dos fins da educación, pola mellora da calidade do ensino e pola configuración dun auténtico ensino galego, con total respecto ós principios e valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia.



O proceso de renovación estase desenvolvendo con normalidade segundo o calendario establecido pola Xunta Electoral que foi constituída para garantir todo o proceso.



Nesta ocasión, a xornada de votación dos representantes do alumnado, das nais e pais, e do profesorado tivo lugar o pasado 27 de novembro. Rematado o horario de votación, as tres mesas electorais realizaron os respectivos escrutinios e levantaron acta dos resultados das votacións.



Dos 111 escolares matriculados na ESO que constitúen o censo de electores deste sector, exerceron o seu dereito a voto 85 alumnas e alumnos, o que supón unha participación do 77% dos censados, que elixiron como seus representantes a Laura Zas Vaamonde, Felipe Juan González Fernández e Nicolás Sánchez Maseda.



O censo do sector de nais e pais e titores está composto polas 461 persoas que teñen ao seu cargo algún escolar matriculado no centro e, destes, emitiu o seu voto o 13% pois votaron 59 persoas. Neste caso produciuse un empate a votos entre as dúas candidaturas máis votadas: Marta María castro Lamas e María Cruz Mirás Picón, que finalmente é a elixida por posuír maior antigüidade no centro.



O sector do profesorado, integrado por 41 docentes, elixiu os seus representantes en sesión de Claustro extraordinario na que participaron 34 electores, o 83 % do total. Resultaron elixidos para representar ao Claustro no Consello Escolar durante catro anos María José Tobar Quintanar, Serafín Barreiros Formoso e María Eulalia Simal Iglesias. Margarita Garrido Campos, a cuarta candidatura en número de votos, cobre a baixa de Jesús Mª López Gromaz e cesará na próxima renovación parcial.




Finalmente, este proceso electoral rematará coa constitución do novo Consello Escolar que está prevista para vindeiro 4 de decembro.

2 mar 2011

INICIADO O PROCESO DE ESCOLARIZACIÓN 2010-2011

Coa publicación das prazas vacantes, o CPI Camiño de Santiago comezou onte o proceso de admisión do alumnado para o vindeiro curso 2011-2012 ao abeiro da Orde do 17 de marzo de 2007 (DOG do 19 de marzo).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende hoxe ata o 31 de marzo.

A formalización de matrícula do alumnado de E. Infantil e E. Primaria realizarase entre o 20 e o 30 de xuño.

25 feb 2011

ABALAR AVALA A SÚA CONTINUIDADE





No próximo curso, o proxecto implantarase en 6º de Primaria e 2º da ESO.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anunciou onte no seu portal a continuidade o vindeiro curso 2011-2012 dun renovado Proxecto Abalar, que estenderá a súa área de actuación a 6º de E. Primaria e 2º da ESO, manténdoa en 5º e 1º.

En datas próximas a Consellería sacará a concurso público a subministración do equipamento informático necesario para a ampliación do proxecto o vindeiro curso. Na convocatoria especificaranse as características técnicas requiridas para os novos ultraportátiles destinados ao alumnado que se suma ao proxecto.

Quedan agora por facer no centro as adaptacións necesarias para que as aulas de 6º de E. Primaria e 2º da ESO poidan recibir o novo equipamento para comezar a funcionar sen demora.

24 feb 2011

CHARLAS DA GARDA CIVIL NO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO

Colaboran co centro na prevención de riscos para os escolares.

O vindeiro luns, 28 de febreiro persoal da Garda Civil realizará no centro catro charlas destinadas aos escolares da ESO e do terceiro ciclo de E. primaria. Os temas foron elixidos polo profesorado titor do alumnado ao que van dirixidas as actividades e enmárcanse no Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade escolar.

O obxectivo principal deste plan é achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia ofrecendo aos centros a asistencia técnica necesaria e información para mellorar os coñecementos sobre a seguridade que afecta aos adolescentes.

A primeira charla, que comezará ás 8.30 horas abordará as saídas profesionais nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e está destinada ao alumnado de 4º de ESO.

O alumnado de 5º e 6º de E. Primaria será o destinatario da segunda charla que se desenvolverá a partir das 9.30 e abordará os riscos de Internet.

Na terceira actividade, que ten previsto o seu inicio ás 11.30, os escolares do primeiro ciclo de ESO recibirán información e asesoramento sobre a prevención do acoso escolar.

A cuarta sesión tamén está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO e tratará o tema da prevención das drogodependencias.

10 feb 2011

SESIÓN ORDINARIA DO CONSELLO ESCOLAR

No ano 2011 prevese xestionar un presuposto xeral de 144.052,71€

O pasado martes 8 de febreiro celebrouse unha sesión ordinaria do Consello Escolar a partir das 19:00 horas na que tódolos acordos se adoptaron por unanimidade.

No apartado económico, os conselleiros aprobaron a xestión do orzamento xeral do centro e a do comedor escolar correspondentes ao ano 2010, así como o proxecto de orzamento para o ano 2011. No orzamento xeral do 2010 xustifícanse 181.312,74 € de gastos, mentres que na xestión económica do comedor, os gastos ascenderon a 75.160,42€.

Respecto ao comedor escolar, tamén se aprobaron os menús a elaborar no que resta de curso e trasladouse o agradecemento dos usuarios de ESO por ser tidas en conta as súas demandas na elaboración do xantar dos martes.

O CPI Camiño de Santiago mantén a colaboración co Concello facilitándolle a utilización de espazos do Centro para poder levar a cabo o programa Lecer Primavera que se desenvolverá os dias 18. 19, 20 e 25 de abril con horario de 07:30 a 15:30 horas para axudar ás familias de o Pino a compaxinar a vida laboral e familiar nas vacacións escolares de SEMANA SANTA.

Entre as informacións varias que facilitou a presidenta do Consello Escolar destaca a decisión de suspender a un alumno do seu dereito de asistencia ao centro durante 29 días, previa a instrución do correspondente expediente disciplinario por agresións moi graves a unha compañeira. Durante ese tempo, o escolar deberá realizar as actividades que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.

1 feb 2011

OS DOCENTES PODERÁN VOLVER USAR O COMEDOR SE HAI VACANTES

Sentenza a favor da CIG-Ensino

Mediante unha instrución de xuño de 2010 sobre o funcionamento dos comedores escolares, a Consellería de Educación impedía no artigo 4.4 o uso deste servizo aos docentes se os colaboradores do comedor non eran persoal do propio centro.

En tódolos centros con comedor dependente da Consellería de educación nos que son as nais, pais ou titores os que realizan o servizo de colaboración, entre os que se inclúe o CPI Camiño de Santiago, os docentes deixaron de ter dereito á utilización do servizo de comedor aboando a cantidade fixada.

Contra esta orde interpuxera un recurso o sindicato CIG-Ensino e agora o Xulgado Contencioso Administrativo nº de 2 de Santiago acaba de ditar sentenza a favor do citado recurso que anula o artigo 4.4 da orde da Xunta.

O fallo do xulgado baséase en que a orde vai en contra dunha norma de maior rango, o Decreto 10/2007 elaborado polo Goberno bipartito, no que se recolle que os docentes de centros públicos poderán facer uso do comedor se hai prazas libres, abonan a cantidade fixada e hai persoal suficiente que atenda ao alumno.

Aínda que cabe apelación, a Consellería de Educación decidiu acatar a sentenza.


28 ene 2011

CURSO GRATUÍTO DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA

O prazo de inscrición remata o día 4 de febreiro.

O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos ou que os cumpran no ano 2011 que desexen obter o título de Graduado en Educación Secundaria.

As clases desenvolveranse durante 240 horas en sesións de tarde a partir do mes de febreiro.

19 ene 2011

CURSO DE GRADUADO EN ESO PARA ADULTOS EN O PINO


O prazo de inscrición está aberto ata o día 4 de febreiro.


O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos dispostas a obter o título de Graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias nos meses de xuño e setembro que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o 4 de febreiro na oficina de Desenvolvemento Local do Concello ou no teléfono 981 511 002.

13 ene 2011

CAFÉ-COLOQUIO NO CENTRO SOCIOCULTURAL LUÍS SEOANE

A Concellaría da Muller e Benestar Social do Concello de O Pino organiza un café-coloquio en colaboración coa ANPA do CPI Camiño de Santiago.

O coloquio está pensado para a asistencia conxunta de nais e pais coas respectivas fillas e fillos de ata 21 anos para tratar de forma estendida temas de interese común.

No acto, coordinado por SIF (Servicios Integrais de Información), abordaranse a presión de grupo, o fenómeno botellón, as drogas, o acoso escolar, o poñer límites, etc.

As familias interesadas deben confirmar a asistencia antes do día 19 contactando coa Educadora Familiar-Psicóloga do Concello.

29 dic 2010

ADXUDICADA A CONSTRUCCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE O PINO



O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que podería estar operativa para o curso 2011-2012

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cerrou o proceso de adxudicación da obra da futura Escola Infantil Municipal por un montante de 647.820 euros, sendo a empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones seleccionada entre as 48 firmas que concorreron ao proceso de contratación das obras.

A nova escola será construída en Arca e disporá de 41 prazas para escolares de entre 3 meses e tres años de idade, distribuídas en tres unidades.

A entrada en funcionamento do futuro centro está planificada para finais do ano 2011 formando parte da Rede de Escolas Infantís de Galicia Galiña Azul.

Na actualidade, O Pino conta con un Punto de Atención á Infancia (P.A.I.), localizado en Pedrouzo que funciona os días laborables en horario de mañá (09:30-13:30) e tarde (16:00-20:00) para atender a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 3 anos.

OS MUNICIPIOS ASUMIRÁN A XESTIÓN DA LIMPEZA NOS CENTROS PÚBLICOS INTEGRADOS.



O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos A. Fernández Castro asinaron onte, 28 de decembro, un convenio para a xestión dos gastos de limpeza dos centros públicos integrados (CPIs).

Mediante o convenio, a Consellería transfire 735.000 euros á Fegamp para que os reparta entre 37 concellos con CPIs a fin de que sexan as corporacións municipais as que xestionen, controlen e paguen os servizos de limpeza dos centros públicos integrados.

24 dic 2010

FESTIVAL DE NADAL 2010





O programa incluíu a actuación de tódolos escolares de E. Infantil e E. Primaria do CPI e das escolas unitarias do Concello.

O mércores día 22 a partir das 10:30 horas desenvolveuse no auditorio do Centro Sociocultural Luís Seoane o tradicional Festival de Nadal promovido como actividade complementaria do CPI Camiño de Santiago en colaboración coas escolas unitarias.

Abriron o festival os escolares de Educación Infantil. Comezou o grupo de catro anos con “O Papá Americano cargado de agasallos”; logo, o grupo de tres anos escenificou “Buscando Papá Noel...”; seguidamente, os pequerrechos de cinco anos representaron “Burbullas” para dar paso ao escolares das unitarias que actuaron conxuntamente coa obra “Paseo en trineo”.


A actuación dos grupos de primaria iniciouse coa intervención conxunta dos escolares de 1º e 2º con “Panxoliñas de Nadal”, seguidos do grupo de 3º, que escenificou “Waka Waka”. Logo, os maiores de 6ºB aportaron “O Papá Noel marchoso”, antes de que o grupo de 4º lembrara a Michael Jackson con “Smooth Criminal”. De seguido, un grupo de extraescolares reivindicou a Britney Spears con “Womanizer”, e os veteráns de 6ºA escenificaron “Blanca Navidad”. Máis tarde, outro grupo de extraescolares emulou a Batuka Junior con “Brujería” e finalmente, os escolares de 5º de EP cerraron o festival regueifando “Regueifas”.


Pola súa banda, o alumnado da ESO tivo unha xornada ordinaria de clase na que as respectivas titoras e titores entregaron as cualificacións correspondentes á primeira avaliación. Nas dúas últimas sesións, o alumnado de 3º e 4º trasladouse ao polideportivo para participar nunha actividade de cerre de trimestre.

23 dic 2010

ÉXITO DAS ACTIVIDADES DE NADAL SOLIDARIO NO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO


Os contedores da OPERACIÓN KILO e de XOGUETES PARA A ILUSIÓN, tiveron que ser baleirados varias veces ao longo dos vinte días de campaña.


O pasado martes, 21 de decembro rematou no CPI Camiño de Santiago a campaña de Nadal Solidario con un faladoiro coloquio.

O acto, que se desenvolveu na sala de usos múltiples, comezou cunha actividade audiovisual e seguidamente membros da Asociación GONDWANA ofreceron unha charla na que informaron da súa actividade.

Gonwana é unha organización sen ánimo de lucro que, da man de Cáritas, naceu en Galicia hai dez anos para dar acollida e asesorar legalmente a persoas inmigrantes en situación de exclusión social, pero que foi crecendo e adaptándose para dar resposta a tódalas situacións de pobreza que chaman á súa porta, a que cada vez acoden máis persoas do noso entorno. Agora dispoñen dun banco de alimentos todo o ano para cubrir situacións momentáneas de precariedade.

Recentemente, o Concello de Santiago recoñeceu o labor social desta entidade concedéndolle o XVII Premio VAGALUME colectivo por ser "unha das organizacións que en Compostela crean confianza social, por xerar un espazo de participación que xunta a persoas inmigrantes de moi diferentes procedencias e culturas, por desenvolver un labor fundamental dende os diferentes ámbitos de actividade nos que traballan: social, cultural, inserción, comunitario, cooperación"

Preguntados polos escolares de ESO, os representantes da asociación presentes explicaron que eles son persoas voluntarias que colaboran de forma altruísta logo de rematar a súa xornada laboral.

Contaron que antes do venres 24 á tardiña, clasificarán e distribuirán os alimentos recollidos no CPI Camiño de Santiago nuns paquetes de Nadal que logo serán entregados a algunhas das 1200 familias que teñen no seu rexistro.

Logo, clasificarán os xoguetes por idades para repartir na noite de Reis nunha festa que farán cos “seus Reis Magos”.

A coordinadora da Asociación, Alejandra, en nome de tódolos membros de Gondwana expresou o seu agradecemento, de xeito sincero e humilde, con esta iniciativa de compartir un pouquiño do noso.

Rosa Andión, coordinadora da actividade no CPI agradeceu a aportación xenerosa do alumnado e das familias como “o mellor xeito de expresar o desexo de BO NADAL, indo MÁIS ALÁ”. Tamén lle transmitiu a Gondwana “o noso agradecemento por todo o que fan, polo seu xeito e espírito solidario todo o ano e tamén por facer posible que as nosas aportacións, A NOSA SEMENTE, CHEGUE A ESAS PERSOAS QUE O PASAN PEOR CA NÓS”.

20 dic 2010

AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO CORRESPONDENTE AO CURSO 2010-2011

O alumnado de 2º de ESO realizará as probas os 11 e 12 de maio.

Os escolares de 4º de Primaria realizaranas o 19 e 20 do mesmo mes.


A actual Lei de educación e os decretos que a desenvolven establecen a obrigatoriedade de realizar unha avaliación de diagnóstico -de carácter censual- das capacidades básicas do alumnado que cursa ensinanzas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria.

Na Resolución do 3 de decembro de 2010, publicada no DOG Nº 238, do martes, 14 de decembro dítanse instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico correspondente ao curso 2010/2011, que terá lugar os días 11 e 12 de maio de 2011 para segundo curso de educación secundaria obrigatoria e os días 19 e 20 do mesmo mes para educación primaria.

As competencias básicas que se avaliarán serán a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

Para desenvolver a proba, empregaranse Caderniños do alumnado para cada unha das competencias avaliadas, así como Cuestionarios de contexto dirixidos ao alumnado, familias, dirección dos centros educativos e profesorado titor dos grupos avaliados.

Realizará a proba de avaliación de diagnóstico todo o alumnado escolarizado en 4º curso de educación primaria, e en 2º curso de educación secundaria. Queda exento da celebración da proba o alumnado que teña unha discapacidade física ou psíquica que represente un obstáculo insuperable para a súa realización.

Todas as persoas do centro educativo que interveñan no proceso están obrigadas á confidencialidade tanto do contido das probas como dos resultados obtidos en relación a grupos de alumnado e alumnado en particular. Tamén é de aplicación o establecido na Lei de protección de datos de carácter persoal.

O OBSERVATORIO AUTONÓMICO DA CONVIVENCIA ESCOLAR CELEBROU A SÚA REUNIÓN ANUAL

A este órgano incorporáronse novos membros

Na sesión celebrada o pasado venres 27 de decembro, o Observatorio Autonómico da Convivencia Escolar renovou os seus membros e constituíu a Comisión Permanente que formulará as propostas para a mellora da convivencia nos centros educativos.

Entre as novas incorporacións ao Observatorio figuran o Fiscal de Menores de Galicia, Carlos Mariscal de Gante; a especialista en trastornos conductuais e membro do equipo de orientación específico da Coruña, Rosa Cazón; e a profesora da Universidade de Vigo Mª Carmen Pereira Domínguez, especialista na investigación da educación en valores e a intervención pedagóxica.

Na sesión, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, anunciou que o departamento do que é titular está a traballar na redacción dunha norma de rango legal que cree e reforce os instrumentos xurídicos que permitan mellorar a convivencia nos centros educativos e o recoñecemento da función social do docente, así como a participación das nais e pais; e cuxas liñas expuxo diante do Observatorio.

O Observatorio Autonómico traballará en propostas para que o alumnado galego acade os máximos niveis de competencia social e cidadá, relacionadas coa promoción da convivencia e a resolución pacífica dos conflitos; reducindo, ao tempo, ao mínimo o fracaso escolar.

Os representantes da Consellería destacaron a importancia que ten a figura do Orientador/a para o fomento da convivencia nun centro educativo, pois é o dinamizador das medidas curriculares e organizativas de atención á diversidade, ademais de promotor de accións tendentes ao éxito escolar e á educación inclusiva.

O Observatorio da Convivencia do CPI Camiño de Santiago quedou constituído na última sesión do Consello Escolar celebrada o xoves 9 de decembro.

16 dic 2010

PROGRAMACIÓN CULTURAL DE NADAL

A Concellaría de Cultura do Concello de O Pino anuncia a súa programación de Nadal, que pretende ser variada, atractiva e novidosa para satisfacer tódolos gustos e atender as diferentes idades.

O martes, 21 de decembro Papá Noel visitará as escolas unitarias, o Pai e o CPI Camiño de Santiago para recoller as cartas dos escolares de 0 a 7 anos que recibirán un conto en galego como agasallo.

O mércores día 22 a partir das 10:00 horas, no auditorio do Centro Sociocultural Luís Seoane, terá lugar o tradicional Festival de Nadal promovido como actividade complementaria do CPI Camiño de Santiago en colaboración coas escolas unitarias.

O domingo 26, a partir das 19:30 horas, a Banda de Música de Arca interpretará no auditorio do Centro Sociocultural o Concerto de Nadal.

O domingo 3 de xaneiro complétase a oferta musical a partir das 19:00 horas co Festival de Corais organizado polo Coro de Arca no Centro Sociocultural.

O mércores 5 de xaneiro, as SS.MM. os Reis Magos visitarán tódalas parroquias do concello na xa tradicional Cabalgata de Reis, que rematará cunha gran festa no polideportivo municipal, a partir das 17:00 horas. Os asistentes poderán degustar rosca e chocolate quente.

10 dic 2010

CONSTITUÍDO O NOVO CONSELLO ESCOLAR

A sesión trasladouse á Biblioteca ao estar ocupada a sala de xuntas coas eleccións sindicais.

O novo Consello Escolar do CPI Camiño de Santiago quedou constituído nunha sesión ordinaria deste órgano colexiado que se celebrou onte ás 17.30 horas na biblioteca Luís Seoane.

Nesta primeira sesión do Consello Escolar foron creadas a nova Comisión Económica e o Observatorio de Convivencia. Tamén se autorizou ao Concello o desenvolvemento do programa Lecer Nadal utilizando espazos do CPI. Non foi aprobada a solicitude do alumnado de 4º de ESO de vender bebidas azucradas e pastelaría industrial.

ELECCIÓNS SINDICAIS

O colectivo docente votou os seus representantes

Un total de 32.384 docentes do ensino público non universitario elixiron onte os seus representantes sindicais, logo de que as Mesas coordinadoras acordaron trasladar por motivos meteorolóxicos o día de votación, previsto inicialmente para o pasado día 2.

Presentaron candidaturas as organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), ANPE-Sindicato Independiente (ANPE), Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) e Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF).

As mesas electorais, que abriron ás once da mañá estiveron abertas ata as seis e media da tarde.

No CPI Camiño de Santiago, onde se localizou a mesa electoral 247, a porcentaxe de participación nestas eleccións foi alto, do 83%, ao exerceren o seu dereito a voto 39 docentes dos 47 censados.

Nesta mesa electoral a forza máis votada foi a CIG, que obtivo o 83% dos votos emitidos, 34 puntos porcentuais máis que CC.OO. En terceiro lugar situouse o STEG co 13% dos sufraxios seguido da UGT, co 8%, e de ANPE que obtivo o 3%. A CSIF non obtivo a confianza dos electores. Ademais, o 10% dos electores optaron polo voto en branco e un dos sufraxios resultou nulo.

4 dic 2010

XORNADA ESCOLAR ATÍPICA POR MOR DO XEO

A xornada escolar do venres quedou truncada no CPI Camiño de Santiago debido ás circunstancias meteorolóxicas. A rede viaria local amenceu cuberta de xeo en moitos puntos impedindo o funcionamento do transporte escolar de tódalas rutas agás a que serve a empresa Freire.

Ao chegar ao centro, parte do alumnado transportado optou por chamar ás súas casas para que viñeran a recollelos, polo que o colectivo docente tivo que suspender as actividades previstas e optou por realizar outras complementarias ou de reforzo por quendas co escaso alumnado que decidiu permanecer toda a xornada no centro.

Parte dos mestres e mestras de E. Infantil e E. Primaria, tamén aproveitaron a xornada para adiantar traballo na preparación das actividades de Nadal.

3 dic 2010

MODIFICACIÓN DO HORARIO ESCOLAR POR ALERTA DE NEVE E XEO

Educación trasladou a responsabilidade da decisión aos equipos directivos.

O CPI Camiño de Santiago adiantou o horario de saída seguindo as instrucións remitidas aos centros pola Consellería de Educación mediante un correo electrónico no que comunicaba a alerta por neve e xeo e se pedía a adopción das medidas de precaución necesarias «en atención ás circunstancias meteorolóxicas locais».

A dirección do centro, logo de consultar coas empresas de transporte escolar sobre as dificultades para o regreso dos escolares a casa, considerou necesaria a redución da xornada escolar como medida preventiva e decidiu adiantar o horario de saída.

Así, o alumnado de ESO rematou as clases ás 13:30 e o alumnado de E. Infantil e Primaria retornou aos seus domicilios unha vez que o trasporte escolar volveu de realizar o servizo da ESO.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text