1 feb 2011

OS DOCENTES PODERÁN VOLVER USAR O COMEDOR SE HAI VACANTES

Sentenza a favor da CIG-Ensino

Mediante unha instrución de xuño de 2010 sobre o funcionamento dos comedores escolares, a Consellería de Educación impedía no artigo 4.4 o uso deste servizo aos docentes se os colaboradores do comedor non eran persoal do propio centro.

En tódolos centros con comedor dependente da Consellería de educación nos que son as nais, pais ou titores os que realizan o servizo de colaboración, entre os que se inclúe o CPI Camiño de Santiago, os docentes deixaron de ter dereito á utilización do servizo de comedor aboando a cantidade fixada.

Contra esta orde interpuxera un recurso o sindicato CIG-Ensino e agora o Xulgado Contencioso Administrativo nº de 2 de Santiago acaba de ditar sentenza a favor do citado recurso que anula o artigo 4.4 da orde da Xunta.

O fallo do xulgado baséase en que a orde vai en contra dunha norma de maior rango, o Decreto 10/2007 elaborado polo Goberno bipartito, no que se recolle que os docentes de centros públicos poderán facer uso do comedor se hai prazas libres, abonan a cantidade fixada e hai persoal suficiente que atenda ao alumno.

Aínda que cabe apelación, a Consellería de Educación decidiu acatar a sentenza.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text