16 mar 2011

NOVA ESCOLA DE MÚSICA EN O PINO

A Banda de Arca estreará novo local este mes

A empresa Escavacións Ovidio rematou as obras de rehabilitación do antigo centro de saúde que albergará a nova escola de música.

As obras, nas que se investiron 120.000 euros procedentes de fondos do Plan E, foran iniciadas en xuño de 2010 e acumularon varios meses de atraso, pois a entrega estaba prevista para o inicio do curso escolar.

A nova escola de música de O Pino ocupa a metade do edificio rehabilitado e dispón de un salón polivalente, cinco aulas de música, despachos de administración, dous aseos e un cuarto para a limpeza, distribuídos sobre unha superficie de 162,43 metros cadrados.

A outra metade do edificio destinarase previsiblemente a oficinas de atención aos peregrinos.

Unha vez que se instale o mobiliario nos próximos días, a Banda de Música de Arca verá cumprida a súa vella aspiración de contar con un local apropiado que facilite a oficialización da escola que terá capacidade para uns oitenta alumnos.

4 mar 2011

ACOITELADA NO PESCOZO A RECEPCIONISTA DO HOSTAL PLATAS DE ARCA


O agresor, cliente do hostal, foi detido pola Garda Civil tras ofrecer resistencia e a vítima quedou ingresada no HCU de Santiago.

Arredor das 18.30 horas do pasado mércores, a recepcionista do hostal Platas, unha muller de 31 anos que responde ás iniciais E.P.R., foi agredida no pescozo por un cliente.

Ao parecer o agresor, un home de vinte e oito anos que estaba hospedado no hotel, baixou a recepción e pediu a E.P.R. que o acompañara á súa habitación para axudarlle a entrar alegando que a porta quedara atrancada.

Cando chegaron á porta da habitación, a recepcionista desconfiou das intencións do cliente e este sacou un coitelo para obrigala a entrar. A recepcionista resistiuse e no forcexo foi cando o home, supostamente, lle fixo un corte profundo na zona da caluga coa arma branca.

E.P.R. conseguiu zafarse do agresor, baixou e buscou axuda na cafetaría Che, do mesmo propietario. Desde o bar contactaron co servizo de emerxencias do 112 arredor das 18.50 horas.

Cando chegou a ambulancia, a empregada subiu a ela polo seu pé e foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago onde foi valorado o seu estado como grave, tanto polas feridas como polo estado de ansiedade que lle produciu o episodio sufrido.

Posteriormente, E.P.R. foi traslada a planta onde permanece ingresada con prognóstico leve, pendente de evolución.

En canto ao presunto agresor, os axentes da Garda Civil que acudiron a detelo atopárono nas inmediacións do lugar da agresión, deambulando pola beirarrúa e ameazando á xente. Os axentes tiveron que empregar un esprai para reducilo e poder esposalo, pois mantiña unha actitude agresiva e belixerante portando a arma branca aínda na man.

Posteriormente foi trasladado ás dependencias da Garda Civil de Santiago á espera de pasar a disposición xudicial no Xulgado de Instrución de Arzúa

2 mar 2011

INICIADO O PROCESO DE ESCOLARIZACIÓN 2010-2011

Coa publicación das prazas vacantes, o CPI Camiño de Santiago comezou onte o proceso de admisión do alumnado para o vindeiro curso 2011-2012 ao abeiro da Orde do 17 de marzo de 2007 (DOG do 19 de marzo).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende hoxe ata o 31 de marzo.

A formalización de matrícula do alumnado de E. Infantil e E. Primaria realizarase entre o 20 e o 30 de xuño.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text