29 nov 2010

O CONCELLO MODIFICA AS SÚAS ORDENANZAS FISCAIS PARA O 2011

Afecta á legalización de vivendas unifamiliares e á apertura de negocios


A corporación municipal do Concello de O Pino acaba de aprobar no último pleno a modificación das ordenanzas fiscais. Este cambio afecta sobre todo ás taxas para a legalización de vivendas unifamiliares e á apertura de establecementos públicos.

A modificación das ordenanzas sobre as casas era necesaria para adaptalas á Lei do Solo recentemente reformada. Con esta modificación, os propietarios de vivendas unifamiliares construídas sen licenza municipal poderán xestionar a súa legalización por un custo de 600 euros.

A modificación que afecta á apertura de establecementos públicos céntrase no cambio de criterio establecido para o pagamento de taxas. As novas tarifas estableceranse fundamentalmente en función dos metros públicos dispoñibles e non, como até agora, polo número de empregados contratados ou polo gasto en electricidade.

23 nov 2010

V CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de O Pino abre a convocatoria ata o 30 de novembro.

O Concurso de Postais de Nadal vai dirixido aos rapaces e rapazas de O Pino escolarizados desde E. Infantil ata a Educación Secundaria e divididos en cinco categorías, das que tres corresponden aos ciclos de Educación Primaria.

Os interesados/as poden participar de forma individual ou en grupo e presentarán unha única postal realizada en calquera técnica sobre formato DIN-A4 na que poden incluír algunha mensaxe ou desexo para o 2011 en lingua galega.

Os traballos, que deberán ser inéditos e incluír por atrás os datos do autor (nome e apelidos, idade, enderezo e número de teléfono) poden presentarse no CPI Camiño de Santiago, no Concello de O Pino ou na Biblioteca Municipal ata o martes, 30 de novembro.

Premiarase unha postal por categoría e de entre estas elixirase a que utilice o Concello para felicitar as festas a toda a veciñanza.

A entrega de premios realizarase durante a celebración do Festival de Nadal organizado polo CPI Camiño de Santiago. O gañador/a de cada categoría recibirá un lote de libros en galego e outros elementos educativos.

ASEMBLEA DA ANPA

Mediante unha nota enviada desde as aulas, a directiva da ANPA do CPI Camiño de Santiago convocou a tódolos socios e socias da asociación a unha asemblea xeral ordinaria que se desenvolverá na sala de usos múltiples do CPI o xoves 25 de novembro ás seis da tarde.

Os puntos da orde do día son o balance de gastos e ingresos do curso 2009-2010, a xestión das actividades extraescolares e finalmente pregos e preguntas.

CONCURSO LUÍS SEOANE 2010 - 2011

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS PARA O CONCURSO DE REDACCIÓN

O Concurso de redacción “Luís Seoane” está dirixido ao alumnado do CPI Camiño de Santiago que pertenza a 6º de E. Primaria ou á ESO.

Os participantes na presente edición 2010-2011 deberán presentar un traballo en prosa ou en verso no que o argumento se desenvolva nunha fraga galega e terá como protagonistas algún elemento da flora e da fauna autóctonas.

O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de xaneiro e serán entregados ás respectivas profesoras de lingua Galega na ESO e ao titor en 6ª de EP.

Haberá un xurado formado polos compoñentes do EDNLG que outorgará un premio por cada curso participante. A decisión do xurado darase a coñecer na última semana de febreiro e a entrega de premios aos gañadores farase na semana das Letras Galegas.


CONCURSO DE PINTURA

O concurso de pintura vai destinado a todo o alumnado de EP e EI escolarizado nos centros educativos do Concello de O Pino.

Os participantes realizarán as súas obras en folios A4 utilizando calquera técnica e serán realizados no centro escolar.

As obras farán referencia a un dos traballos premiadas ou finalistas no concurso de redacción, polo que a partir da última semana de febreiro cada aula terá copia da narración sobre a que os concursantes han de centrar a súa obra plástica.

O prazo de entrega dos traballos remata o 29 de abril, data na que comezarán a ser expostos nos corredores do CPI Camiño de Santiago para seren seleccionados polo xurado.

O xurado estará composto polos membros do EDNLG e pola profesora de EPV. Os traballos premiados serán expostos do 9 ao 20 de maio e os premios serán entregados na segunda quincena do mesmo mes.

20 nov 2010

ROTUNDO ÉXITO DA BANDA DE ARCA NO IV CERTAME GALEGO DE BANDAS DE MÚSICA

Clasificouse no primeiro lugar da III Sección e ademais obtivo o premio á peza de autoría ou temática galegas.

A Banda de Música de Arca brillou con luz propia no IV Certame Galego de Bandas de Música organizado pola Consellería de Cultura e a Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Na tarde do venres 19 de novembro, diante de máis de 400 persoas que se achegaron á sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, desenvolveuse a fase correspondente á sección terceira do Certame, que está integrada por bandas cunha formación igual ou inferior a 45 membros.

Participaban as agrupacións musicais de Belesar e A Guarda e as bandas de música de Arca, Chapela e Guitiriz.

Cada grupo interpretou un pasodobre como presentación previa ao Certame, para logo proseguir coa obra obrigada Auga Levada, de Juan Eiras, premiada no II Concurso Galego de Composición, e finalizar cunha peza de libre elección.

A Banda de Música de Arca
fixo a súa presentación co pasodobre Don Víctor, de Ferrer Ferrán, continuou con Auga Levada e rematou coa interpretación maxistral da obra Gavilán, de Antón Alcalde, razón pola que obtivo o premio á peza de autoría ou temática galegas. Ademais clasificouse no primeiro posto do Certame ao acadar un total de 302,5 puntos polo conxunto da súa interpretación.

A Agrupación Musical de Belesar foi a segunda clasificada con 266 puntos e a Banda de Música de Chapela acadou o terceiro lugar con 221 puntos. A Agrupación Musical de A Guarda obtivo o galardón ao cuarto posto, outorgado pola FGBMP.


Impecable traxectoria no Certame.

Esta era a terceira participación da Banda de Música de Arca no Certame Galego de Bandas de Música. Nas participacións anteriores xa tivera unha actuación destacada acadando nas dúas o segundo posto da sección terceira, que encadra as formacións que non superan os 45 músicos.

O seguinte vídeo da FGBMP recolle a interpretación de Novelda, de Juan M. Molina na participación do ano 2009.


19 nov 2010

RENOVACIÓN DO CONSELLO ESCOLAR

Proclamación de candidatas e candidatos.

Logo de rematado o prazo de presentación de candidaturas, foron proclamados pola Xunta Electoral os candidatos e candidatas a representantes dos distintos sectores da comunidade escolar.

En representación do alumnado, figuran as candidaturas de Verónica Crego Rama, Eva Negro Vázquez e Rubén Vázquez Vaamonde.

Presentaron candidatura para representar aos pais, nais ou titores legais do alumnado, Julia Barbosa Sánchez e Mª Isabel Vázquez Agra.

As candidaturas de Juan Padín e Ana Belén Piñeiro figuran en representación do persoal de administración e servizos.

Para representar ao colectivo docente figuran as candidaturas de Andrés Díaz Pazos, Suso López Gromaz, Susana Parrado Otero, Francisco J. Tobar Cereijo, Mª Teresa Torreiro González e José Tubío Lorenzo.


Datas das eleccións

O profesorado elixirá os seus representantes en sesión extraordinaria do Claustro convocado para as 14:30 horas do 24 de novembro.

O día 25 correspóndelle ás nais, aos pais e aos titores legais a elección dos seus representantes de entre as candidaturas presentadas. A súa mesa electoral estará aberta desde as 12:00 ata ás 17:00 horas.

Os representantes do alumnado serán elixidos o 30 de novembro mediante votación do alumnado de ESO. A mesa electoral do alumnado abrirá desde as 10:10 ata as 10:30 e desde as 14:30 ata as 15:50

O mesmo día, 30 de novembro, o persoal de administración e servizos procederá á elección do seu representante entre as 16:40 e as 17:00 horas.

Finalmente, a celebración da primeira reunión do novo Consello Escolar está prevista para o 9 de decembro.

17 nov 2010

ABERTA A AULA ABERTA

Funciona tódolos venres no centro cultural desde as 17:30 ata as 19:30 horas.

Dentro das medidas de apoio á conciliación familiar, o Concello de O Pino puxo en marcha por segundo ano consecutivo a Aula Aberta, unha iniciativa cultural e educativa destinada ao lecer, ao fomento da creatividade e á aprendizaxe.

A actividade da Aula Aberta desenvólvese gratuitamente no centro cultural Luís Seoane durante dúas horas tódolos venres a partir das as 17:30.

Os participantes, unha vintena de escolares con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos, desenvolven actividades que incentivan e estimulan de maneira libre a súa creatividade e o seu crecemento persoal.

Entre as propostas, figuran xogos e exercicios de lecer, traballos manuais, debuxo, lectura, música e cancións.

FALLADOS OS PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2010

Agustín Fernández Paz rexeitou o premio na categoría das Letras.

Cos Premios da Cultura o xurado distingue en sete categorías a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do capital intelectual de Galicia. O premio, sen dotación económica, consiste nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo. As sete categorías a premiar son: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en favor do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.

O escritor Agustín Fernández Paz foi galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria vinculada á literatura galega.

A artista Menchu Lamas recibirá o Premio Cultura Galega dás Artes Plásticas polo seu traballo creativo.

En Eduardo Alonso Rodríguez reacaeu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas polo seu traballo a favor da dramaturxia galega.

A Fundación Barrié resultou distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais.

O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vinculada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior.

A Orquestra Sinfónica de Galicia recibiu o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vinculada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior.

O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, "a favor dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para integrarse nos escenarios internacionais".

Agustín Fernández Paz rexeita o galardón.

Pola súa banda, Agustín Fernández Paz, referente da Literatura infantil e xuvenil de Galicia, rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras que lle foi concedido onte por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura.

Fernández Paz declina aceptar o galardón mediante un comunicado, no que expresa a súa gratitude ás persoas do xurado por pensaren nel. Mais manifesta que non pode aceptar o premio por coherencia, pois cando os Premios da Cultura Galega foron convocados, el expresou o seu desacordo con eles e afirma que segue a pensar o mesmo.

15 nov 2010

TIRO CON ARCO

I LIGA GALEGA DE CLUBES. FASE PREVIA

A segunda xornada da fase previa da liga celebrouse o sábado 13 de novembro no pavillón municipal de Pedrouzo, en O Pino.

O club ARCO DA VELLA, nacido en xuño de 2008 en Oza dos Ríos, colocouse na cabeza da clasificación do seu grupo grazas a unha táctica acertada e a puntería dos seus arqueiros. Este club chegaba clasificado en terceiro lugar despois de celebrada a primeira xornada. Agora ségueo na clasificación o club ARC-TEIXO en segunda posición e o CAMBRE que ocupa o terceiro posto.

Esta clasificación ten carácter provisorio ata que na próxima fin semana se celebre a última xornada en Boimorto e será entón cando se decidan os equipos que pasan a seguinte fase para loitar polo título.

Na modalidade de arco recurvo hai un total de 16 equipos procedentes da práctica totalidade de clubs galegos competindo nesta fase inicial.

12 nov 2010

RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR

Continúa aberto o prazo de presentación de candidaturas


En cumprimento do establecido no Decreto 7/99 do 07 de Xaneiro polo que se implantan e regulan os Centros Públicos Integrados (DOG do 26 de xaneiro) corresponde renovar parcialmente os membros do Consello Escolar.

Segundo o calendario establecido pola Xunta Electoral, o prazo de presentación de candidaturas aos distintos sectores está aberta desde o 4 de novembro e remata o vindeiro día 15.

O Consello Escolar é o órgano colexiado de goberno mediante o que participan na xestión do centro educativo tódolos sectores da comunidade a través dos seus representantes. Como os demais órganos de goberno, o Consello Escolar velará pola efectiva realización dos fins da educación, pola mellora da calidade do ensino e pola configuración dun auténtico ensino galego, con total respecto ós principios e valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia.

Datas das eleccións

O día 25 de novembro correspóndelle ás nais, aos pais e aos titores legais a elección dos seus representantes de entre as candidaturas presentadas. A súa mesa electoral estará aberta desde as 12:00 ata ás 17:00 horas.

Ese mesmo día, o profesorado elixirá os seus representantes en sesión extraordinaria de Claustro convocado para as 17:50 horas.

Os representantes do alumnado serán elixidos o 30 de novembro mediante votación do alumnado de ESO. A mesa electoral do alumnado abrirá desde as 10:10 ata as 10:30 e desde as 14:30 ata as 15:50

O mesmo día, 30 de novembro, o persoal de administración e servizos procederá á elección do seu representante entre as 16:40 e as 17:00 horas.

Finalmente, a celebración da primeira reunión do novo Consello Escolar está prevista para o 9 de decembro.

GRUPO DE FRAUTAS DO CPI

Aberto o prazo de inscrición

Desde o departamento de música do centro ofértase ao alumnado a posibilidade de constituír un conxunto de frautas.

O grupo estaría formado por 6-8 frautas e ensaiaría no segundo recreo do luns e tamén no segundo do mércores ou xoves para tocar unhas pezas durante o curso.

Para participar só se require ler un pouco de música e ter moitas ganas de pasalo ben tocando frautas de diferentes tamaños e escoitando o seu efecto en conxunto.

11 nov 2010

NOVO BILLETE METROPOLITANO

Mellora a mobilidade dos veciños de O Pino coa implantación do billete único nos autobuses urbanos e comarcais de Santiago.

A nova tarxeta metropolitana suporá un gran aforro para os usuarios do transporte público.

O Consello da Xunta aprobou un convenio entre a Consellaría de Infraestruturas, o Concello de Santiago e a U.T.E Tralusa, que se encarga do servizo do transporte urbano de Compostela.

O convenio, que prevé un investimento de 830.000 euros por parte da Xunta, facilitará a compra de máquinas de nova tecnoloxía que permitirán a implantación da tarxeta metropolitana, coñecida como billete único.

A nova tarxeta permitirá conectar o transporte interurbano da área metropolitana de Santiago cos buses urbanos da cidade. Deste xeito, facilitarase a mobilidade tanto aos habitantes de Santiago como aos veciños dos 11 municipios adscritos ao Plan de Transporte Metropolitano de Santiago: Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

O usuario que posúa a nova tarxeta de transporte metropolitano beneficiarase dun gran aforro porque poderá acceder á rede de servizos cun novo sistema de tarifas zonal que reduce prezos e poderá realizar transbordos entre redes sen penalización.

NOVA ESCOLA DE MÚSICA

As obras de rehabilitación do edificio que acollía o antigo centro de saúde estarán finalizadas previsiblemente a principios de decembro.

Cando finalicen as obras, o edificio albergará a futura escola de música e ó mesmo tempo o Concello fará as xestións necesarias para que a Escola de Música de O Pino teña carácter oficial.

DÚAS NOVAS DEPURADORAS PARA O PINO

Entrarán en funcionamento no primeiro trimestre de 2011.

O Concello do Pino xestionou coa Deputación a construción de dúas novas depuradoras para mellorar o abastecemento das parroquias de Arca e Castrofeito.

A realización das das dúas obras conta cun orzamento total que supera os 170.000 euros, 82.000 euros destinados a da parroquia de Arca e 89.300 euros para a de Castrofeito.

A depuradora que se construirá na parroquia de Arca situarase na rúa do Picón e terá capacidade para abastecer unha poboación próxima aos 3.000 habitantes, mentres que a de Santiso abastecerá a unha poboación próxima aos 700 veciños.

Está previsto que as dúas novas depuradoras entren en funcionamento no primeiro trimestre de 2011 en substitución das hoxe existentes nos mesmos núcleos.

MAGOSTO 2010

A castaña é a protagonista


Ao longo da presente semana desenvólvense no centro diversas actividades relacionadas co magosto, dinamizadas desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega -EDLG- e o comedor escolar.
O día 5 de santos inaugurouse a exposición “Froitos do outono” que se pode visitar na entrada do centro grazas ao bo facer das colaboradoras do comedor.
O venres 12 de santos cerraranse as actividades cunha festa gastronómica diferenciada por etapas.
O xantar da ESO terá lugar no patio superior entre as 12.10 e as 14.10 e inclúe no menú chocolate da República Dominicana, cola de Oregon, auga de Lardeiros, croissant do Amenal e castañas de Xinzo previamente amosegadas.
O xantar de Educación Infantil e Primaria, que inclúe tortilla española, ensalada e froita celebrarase no comedor desde as 14.30 ata as 15.30.

CURSO – OBRADOIRO ABALAR

Abalar comeza a abalar

O martes 9 de novembro, o coordinador TIC presentou as características do curso – obradoiro Abalar nunha sesión inicial que tivo lugar na sala do profesorado. Este curso está destinado á formación inicial do profesorado que imparte docencia en 5º de E. Primaria e 1º de ESO, niveis nos que se implantan as aulas Abalar. A duración do curso-obradoiro será de 50 horas e realizarase no propio centro nun espazo por determinar. As sesións terán lugar os martes de 17.30 a 20.30 e os xoves de 16.30 a 19.30 e desenvolveranse entre novembro do 2010 e maio do 2011. O obxectivo principal desta actividade de formación é familiarizar o profesorado cos elementos da aula Abalar para poder empregalos como un recurso máis na aula.

10 nov 2010

ESCOLA INFANTIL DE O PINO

A Consellería de Benestar ratifica para o 2011 a escola infantil de O Pino

Ata de agora o concello só dispón de un punto de atención á infancia.


Beatriz Mato, a conselleira de Benestar, anunciou que está prevista a construción e posta en funcionamento da escola infantil autonómica de O Pino para o ano 2011.

Esta nova escola infantil, que agora se atopa na fase de elaboración do proxecto, contará con tres unidades que permitirán dispoñer de 41 prazas.

Na actualidade, O Pino conta con un Punto de Atención á Infancia (P.A.I.), localizado en Pedrouzo que funciona os días laborables en horario de mañá (09:30-13:30) e tarde (16:00-20:00) para atender a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 3 anos.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text