20 nov 2010

ROTUNDO ÉXITO DA BANDA DE ARCA NO IV CERTAME GALEGO DE BANDAS DE MÚSICA

Clasificouse no primeiro lugar da III Sección e ademais obtivo o premio á peza de autoría ou temática galegas.

A Banda de Música de Arca brillou con luz propia no IV Certame Galego de Bandas de Música organizado pola Consellería de Cultura e a Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Na tarde do venres 19 de novembro, diante de máis de 400 persoas que se achegaron á sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, desenvolveuse a fase correspondente á sección terceira do Certame, que está integrada por bandas cunha formación igual ou inferior a 45 membros.

Participaban as agrupacións musicais de Belesar e A Guarda e as bandas de música de Arca, Chapela e Guitiriz.

Cada grupo interpretou un pasodobre como presentación previa ao Certame, para logo proseguir coa obra obrigada Auga Levada, de Juan Eiras, premiada no II Concurso Galego de Composición, e finalizar cunha peza de libre elección.

A Banda de Música de Arca
fixo a súa presentación co pasodobre Don Víctor, de Ferrer Ferrán, continuou con Auga Levada e rematou coa interpretación maxistral da obra Gavilán, de Antón Alcalde, razón pola que obtivo o premio á peza de autoría ou temática galegas. Ademais clasificouse no primeiro posto do Certame ao acadar un total de 302,5 puntos polo conxunto da súa interpretación.

A Agrupación Musical de Belesar foi a segunda clasificada con 266 puntos e a Banda de Música de Chapela acadou o terceiro lugar con 221 puntos. A Agrupación Musical de A Guarda obtivo o galardón ao cuarto posto, outorgado pola FGBMP.


Impecable traxectoria no Certame.

Esta era a terceira participación da Banda de Música de Arca no Certame Galego de Bandas de Música. Nas participacións anteriores xa tivera unha actuación destacada acadando nas dúas o segundo posto da sección terceira, que encadra as formacións que non superan os 45 músicos.

O seguinte vídeo da FGBMP recolle a interpretación de Novelda, de Juan M. Molina na participación do ano 2009.


0 comentarios:

Publicar un comentario

 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text