22 jun 2009

A COCIÑEIRA LOURDES



ENTREVISTA A LOURDES OTERO REY, COCIÑEIRA NO CPI “Camiño de Santiago” DENDE OUTUBRO DO 2004 ATA NOVEMBRO DE 2008.


Falando do noso Comedor Escolar, quen non lembra o puré de cenoiras, a porrusalda basca, o peixe fresco feito ó forno ou as croquetas e albóndigas caseiras?

Pois estes pratos non se comían no noso comedor antes de chegar Lourdes a dirixir a cociña: ó longo de catro cursos, ela, xunto con Lucita e Ana (Auxiliares de Cociña) Carmela, Isabel, Pili e Mónica (Encargadas de Comedor en sucesivos cursos) foron actualizando os nosos menús, facéndoos máis apetitosos e nutritivos.

PREGUNTA: Onde te preparaches para cociñar así de ben?

RESPOSTA: Formeime dende nena (a miña bisavoa e meus pais tiñan negocio de hostelería): empecei servindo mesas no comedor que tiñamos cun menú á carta e pensión completa; con 15-16 anos fixen Hostelería-Cociña no que hoxe sería un Ciclo de FP; logo traballei en restaurantes meténdome despois nas listas do SERGAS e da Xunta indo a gardeirías, residencias e comedores escolares..

PREGUNTA: En que lugares concretos traballaches antes de chegar eiquí e onde estás agora?

RESPOSTA: Pois como son tantos e sería longo enumeralos todos, direi só algúns:
Residencia “Porta do Camiño”, Residencia de Estudantes “General Barroso”, Gardeiría Universitaria da USC... e agora estou no CPI “O Forte” de Boqueixón.

PREGUNTA: Que lembras con máis agarimo do CPI “Camiño de Santiago”?

RESPOSTA: A cara de satisfacción das nenas e nenos á hora de comer, as gañas de repetir os pratos..... “fresas con nata, flores de Antroido...

PREGUNTA: Unha comida especialmente laboriosa na súa preparación era....

RESPOSTA: As croquetas e albóndigas, o salpicón de marisco, as flores de Antroido...

PREGUNTA: Dentro do teu traballo, cres que fixeches algo especial no noso Centro?

RESPOSTA: Non, síntome responsable do meu traballo e fagoo sempre o mellor que podo en calquera lugar onde vaia.

PREGUNTA: Que foi o que máis che sorprendeu cando chegaches aquí?

RESPOSTA: O sistema de autoservizo polas ventaxas que implica: comida quente, ración axeitada, menos traballo de limpeza...

Lourdes, agradecemos moito as túas palabras e a túa dedicación cando estiveches con nós e, sendo que esta entrevista vai sair no noso xornal dixital, queres engadir algo máis?

RESPOSTA: Si: que estou moi satisfeita do traballo feito no Centro.

Entrevista feita por: Esperanza Abelleira Bouza, Mestra de Inglés

26 may 2009

No 2012 estará operativo o tramo Cima das Quintas-Arzúa Oeste da autovía A-54

O Ministerio de Fomento acaba de adxudicar provisionalmente as obras do tramo Lavacolla-Arzúa á empresa Dragados por 103 millóns de euros, co IVE incluído, distribuídos en catro anualidades.
A compañía contará cun prazo de execución das obras de 39 meses para rematar os dezaoito quilómetros e medio de vial que discorren paralelos á N-547.
Segundo o proxecto de execución das obras, o tramo contará con enlaces en Lavacolla, O Pino, Santa Irene, O Xen e Arzúa Oeste e cunha área de servizo situada no punto quilométrico 15. Ademais, tamén se executarán once pasos superiores, dez inferiores e dous de fauna.
Para adecuar o inicio deste trazado da A-54 ao tramo actual entre Santiago e Lavacolla habilitarase un tramo con novos enlaces en torno ao punto quilométrico 0,950 que comunique coas dúas estradas nacionais N-634 e N-547. Estes novos enlaces substituirán a actual glorieta da cal parten e na que finaliza actualmente a citada autovía. O enlace final, o de Arzúa Oeste, conectarase coa estrada autonómica AC-240.
A plataforma da autovía estará formada por dúas calzadas de sete metros de ancho e dotarase con beiravías exteriores de 2,5 metros e con interiores dun. A mediana acadará unha anchura total de nove metros.

24 may 2009

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO C.P.I. “CAMIÑO DE SANTIAGO”





O pasado 17 de maio foi o Día das Letras Galegas, e no centro, o departamento de galego decidiu celebralo implicando a todo o alumnado de secundaria. Os alumn@s pegaron nas paredes do centro murais realizados por eles mesmos que rendían homenaxe a tódolos escritores aos que se lle dedicou este día dende 1963; ademais estiveron expostos uns pósteres sobre a vida e obra da figura de Ramón Piñeiro, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.
Lembremos que esta celebración comeza formalmente en marzo de 1963; a Real Academia Galega decidiu homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria na lingua do noso pobo ou pola defensa da mesma. Cada ano está dedicado a unha personalidade diferente acordada pola Academia.
A data de celebración, o 17 de maio, escolleuse porque nun día coma ese, en 1863, publicouse en La Habana, o primeiro exemplar da obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, que significaría o “Rexurdimento” cultural da lingua galega.

15 may 2009

Visita do redactor Nacho Mirás ao CPI Camiño de Santiago



@s alumn@s de 1º de ESO do CPI "Camiño de Santiago "recibiron, o pasado mércores 6 de maio, a visita de Nacho Mirás, un xornalista de "La Voz de Galicia" que durante hora e media lles estivo explicando a mecánica que se segue para a elaboración diaria do xornal. Os rapaces e rapazas seguiron atentamente a charla e interrumpiron varias veces ao xornalista para facer preguntas sobre o xornal e sobre o seu oficio.


A actividade forma parte do programa "Prensa - Escuela", que leva a cabo a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. O encargado de coordinar a iniciativa foi o xefe de estudos X. Anxo Aldrei.


22 abr 2009

V Festival de Bandas


O venres 1 de Maio ás 20.30 horas celebrarase no Centro Socio Cultural Luis Seoane o V Festival de Bandas de O Pino. O festival está organizado conxuntamente pola Banda de Música de Arca e polo Concello de O Pino e a entrada é de balde.

Nesta V edición asiste como convidada a Banda de Música Llucmajor de Maiorca que interpretará no seu repertorio:
  • Ateneo Musical, de Mariano Puig
  • Selección de Música Mallorquina, Tradicional
  • A Tribute a Billy Joel, de Billy Joel
  • Pique Dame, de Franz von Suppè
  • Highlights from “Chees”, de Ulvareus&Anderson




A Banda de Música de Arca agasallaranos con catro das mellores pezas do seu repertorio:

  • En Homenaxe, de J. L. Represas
  • Arca de Noe, de Óscar Navarro
  • Danzas Armenias, de Alfred Reed
  • Oregón, de Hacob de Haan




Rematará o festival coa interpretación conxunta do Himno Galego.

14 abr 2009

VI Carreira Pedestre Popular Concello De O Pino 2009


O Concello de O Pino celebrará a 6ª edición da súa Carreira Pedestre Popular o sábado 9 de maio de 2009 na localidade de Arca – Pedrouzo baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo (Delegación de Santiago).

Nesta edición cambiouse a data ao mes de maio para evitar a coincidencia coa Semana Santa. Como novidade deste ano, ampliarase o circuíto para solucionar o problema das dobraxes que acaban mesturando a moitos atletas, pero manteranse a saída e a meta no mesmo lugar dos últimos anos.

Tamén haberá canicross como primeira carreira da xornada para facilitar a participación na carreira absoluta dos atletas que aínda queden con folgos, e probas dende os máis pequechos ata os veteranos.

1º Campionato de Billarda en O Pino

O vindeiro sábado 18 de abril, a partir das 16:00, desenvolverase no campo da Magdalena (Castrofeito) o 1º Campionato Aberto de Billarda no concello de O Pino. Este evento está organizado pola Asociación Cultural Deportiva Furabolos coa intención de difundir o xogo da billarda ou estornela.

As persoas interesadas en participar no evento non teñen máis que acercarse ao campo da Magdalena, xa que a entidade organizadora se encargará de aportar o material necesario.

Haberá tres premios:
  1. un xamón.
  2. un queixo.
  3. unha restra de chourizos.

Ademais, tódolos asistentes están convidados a unhas cañas no terreo de xogo.


31 mar 2009

Novo médico para o Centro de Saúde.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) incorporou un novo médico de familia ao centro sanitarios do Pino coa finalidade de achegarse aos parámetros establecidos polo Plan de mellora dá Atención Primaria 2007-2011.

Deste xeito, o centro do Pino pasa a ter tres facultativos, co que o número de doentes por profesional reducirase de 1.997 a 1.331.

Efectos colaterais da movida

Na madrugada do pasado 21 de marzo, José Luís Lamas Balado, xove de 17 anos veciño do lugar de Suso, na parroquia de San Verísimo de Ferreiros regresaba á súa casa tras pasar a noite na movida en Melide.
José Luís viaxaba de acompañante no asento dianteiro dun Peugeot 206 gris, con placas 9351-DVG que facía a ruta de regreso pola estrada N-547, cando, por causas descoñecidas o vehículo saíu da estrada pola marxe esquerda e se precipitou por un terraplén á altura do punto quilométrico 60,9 da citada estrada nacional, na parroquia arzuana de Santa María de Rendal.
Pouco antes das sete e cuarto da mañá, un veciño da zona que se dirixía ao seu traballo veu o coche envorcado nun paso inferior da estrada e alertou do suceso ao 112.
Unha vez coñecidos os feitos, desprazáronse ata o escenario dos mesmos, entre outros, efectivos do Parque Comarcal de Bombeiros de Arzúa, voluntarios de Protección Civil de Arzúa, ambulancias do servizo de urxencias do 061 coas súas correspondentes dotacións de sanitarios e axentes do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Santiago de Compostela, que investigan o sinistro.
Cando os equipos de emerxencias chegaron ao lugar atopáronse un vehículo envorcado nun paso inferior da estrada, polo que discorre o Camiño de Santiago. Os bombeiros tiveron que realizar labores de excarceración para rescatar aos tres mozos do interior do turismo. Segundo informaron, José Luís morreu no acto. O seu cadáver foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense de Santiago para practicarlle a autopsia. Os outros dous ocupantes do coche foron levados ao Hospital Clínico en estado moi grave.

Fondo pesar no seo da comunidade escolar

O luns 23 a noticia estendeuse polo CPI. Tanto José Luís, como súas irmás Eva María e Patricia realizaron a súa escolaridade obrigatoria no CPI “Camiño de Santiago” e son persoas moi apreciadas na comunidade escolar.
Ao longo da semana o tráxico suceso estivo presente nas conversas mantidas nas aulas, nos corredores, nos patios,... No grupo de escolares da ESO que mantiña unha maior amizade con José Luís percibíase máis claramente a dor pola inesperada perda dun amigo.

26 mar 2009

AUTOVÍA SANTIAGO - LUGO (A-54)



Comezan no Pino as expropiacións para construír o primeiro tramo da autovía a Lugo.

O Ministerio de Fomento convocou aos veciños do Pino afectados pola expropiación dos terreos necesarios para construír o tramo ata Arzúa da futura autovía entre Santiago e Lugo. Os trámites de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos realizarase no noso municipio desde o vindeiro 13 de abril ata finais do mesmo, logo continuarán en Santiago e Arzúa entre o 4 e o 7 de maio.

Case de forma paralela realizarase á adxudicación das obras do tramo Lavacolla-Arzúa a unha das vinte e tres empresas que compiten por construílo. O 30 de marzo o Ministerio de Fomento procederá á apertura pública das diferentes ofertas, que logo se estudarán para resolver a adxudicación das obras, cun orzamento de licitación de 103.022.368 euros. O prazo de execución dos traballos deste tramo de autovía é de 39 meses.

11 mar 2009

O aradiño de pau

V carreira pedestre popular

Slalom O Pino

10 mar 2009

Chorroróscopo

CH☺RR☹RÓSC☹P☻ Por ADA BOLA

Cres nos horóscopos? Pensas que o teu futuro depende dos astros? Paréceche que as predicións dos rappeles, das aramises fusteres e demais visionarios serven para algo máis que para para que medren os seus petos? Se a resposta é afirmativa, non deixes de ler a nosa previsión elaborada desde o caseto da estación metereolóxica no ano 2007. É de fiar... na roca.

ARIES
:
a túa enerxía permitirache encontrar a solución a ese problema que che preocupa.

TAURO:
paciencia, chega o tempo de madurar esa importante decisión e debes comezar a crer en ti.

XÉMINIS:
reláxate ao aire libre e non te enganches á TV nin te tires no sofá.

CÁNCER:
a túa imaxinación e poder creativo estanse vendo no teu día a día, artista.

LEO:
o amor está no teu signo e podes ofrecérllelo a esa persoa que te leva buscando algún tempo.

VIRGO:
desafógate cos amigos na rúa que os problemas hainos que esquecer.

LIBRA:
o teu poder seductor e sociable permitirache establecer novas relacións.

ESCORPIO:
coida do teu e sé espelido/a en temas do traballo.

SAXITARIO:
sairás airoso/a de situacións comprometidas.

CAPRICORNIO:
pensa na familia, necesita a túa axuda, mándalle un correo.

ACUARIO:
andas na procura desa media laranxa, non busques máis, es compatible con leo.

PISCES:
fai exercicio mental e físico, que falta che fai.

Ponte ao día dixital.


O Periódico do cole comeza aquí a súa andadura en formato dixital, que vai convivir coa edición en formato impreso.

Conscientes da importancia que teñen as novas tecnoloxías da comunicación e a información no ensino, un grupo de docentes do CPI "Camiño de Santiago" estamos recibindo formación na elaboración de blogs. O noso mestre é nin máis nin menos que o mesmo Antonio Alonso.

Neste blog iremos publicando as novas que cheguen á nosa redacción. Animádevos a colaborar como reporteiras e reporteiros!! Podedes ver publicadas as vosas colaboracións e incluso, se o desexades, aprenderedes a traballar con blogs.

Na primeira noticia dixital queremos ter unha lembranza especial para alguén co que compartimos moitas horas no centro e que deixou de estar entre nós. Vai por ti, Ismael Ponte Tojo.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text