31 ene 2011

CHEGAN OS APARCADOIROS DISUASORIOS PARA PROMOVER O TRASPORTE PÚBLICO

Arca dispón de chan adaptado para o estacionamento de cen turismos.

Para fomentar o transporte público en todas as áreas metropolitanas de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente prevé a creación de aparcadoiros disuasorios como medida complementaria aos plans de transporte metropolitano.

Estes grandes aparcadoiros construiranse próximos a vías de gran capacidade e a non máis de trescentos metros dunha parada da rede metropolitana de transporte.


Na área metropolitana de Compostela prevese a creación de aparcadoiros nos municipios de Oroso, Teo, Val do Dubra, Vedra, Ames, Boqueixón e Brión. Os concellos de O Pino, Trazo e Touro non contarán en principio con este tipo de aparcadoiros, pois xa dispoñen de chan adaptado para este uso.


Na zona de Arca, que é un dos puntos de partida das liñas metropolitanas de Compostela, existe espazo reservado para o estacionamento dun cento de turismos, cantidade que en un principio podería ser suficiente para que os residentes dos distintos puntos do concello deixen estacionado o coche e se animen a desprazarse a Santiago utilizando o transporte público.

MODIFICACIÓNS NAS BASES DO CONCURSO SAN VALENTÍN 2011


O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino modificou as bases do I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas organizado co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Os cambios afectan aos premios, tres por categoría –1º premio, e accésit- que cambian a dotación económica por Aloxamento en hotel + cea + tratamento termal, Aloxamento en hotel + almorzo, e Cea para dúas persoas respectivamente.

Un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural seleccionará as cartas de amor, poemas ou mensaxes atendendo a criterios de calidade literaria, creatividade, orixinalidade, desenvolvemento da estrutura da narración, a referencia á temática do concurso e a ausencia de faltas de ortografía.

Para a selección das imaxes, o xurado valorará a orixinalidade, creatividade e calidade artística.

30 ene 2011

125 ANOS DE CASTELAO

RAMÓN FERNÁNDEZ REINOSO SERÁ CANDIDATO Á ALCALDÍA DE CHANTADA POLO PP



É industrial de RIOCABO, a empresa de tractores de Salceda de Ferreiros.

O presidente do Partido Popular de Lugo presentou nunha rolda de prensa celebrada onte, 29 de xaneiro, a Ramón Fernández Reinoso como cabeza de lista da candidatura coa que os populares acudirán ás vindeiras eleccións municipais en Chantada.

Ramón naceu en Sabadelle (Chantada) hai 34 anos e de moi novo trasladouse coa familia ao concello de O Pino onde instalaron a empresa M.A. Riocabo especializada na compra, venda, reparación e a verificación de tractores de ocasión e maquinaria agrícola en xeral. A empresa Riocabo está situada no lugar de Salceda de Ferreiros á beira da estrada nacional 547.

Fernández Reinoso, que cursou empresariais, realizou os estudos primarios no C.P. Camiño de Santiago.

Ramón Fernández, coñecido polo segundo apelido paterno -Riocabo-, é militante do PP dende hai moitos anos, pero séntese «chantadino» por encima de calquera sigla política.

Riocabo inicia a súa andaina política como cabeza de lista con “un proxecto de todos para que o corazón de Galicia volva latexar”.

O presidente provincial José Manuel Barreiro salientou a valentía do novo candidato por “dar un paso ao fronte” e asumir o reto de “devolver a Chantada ao lugar que lle corresponde como cabeceira de comarca e aos chantadinos o orgullo de vivir no corazón de Galicia”.

28 ene 2011

CURSO GRATUÍTO DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA

O prazo de inscrición remata o día 4 de febreiro.

O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos ou que os cumpran no ano 2011 que desexen obter o título de Graduado en Educación Secundaria.

As clases desenvolveranse durante 240 horas en sesións de tarde a partir do mes de febreiro.

27 ene 2011

CONCURSO DE CARTEIS DE ENTROIDO

O cartel premiado será o que se utilice para anunciar o Entroido.

O Concello de O Pino acaba de convocar o seu XII Concurso de carteis aberto á participación das persoas empadroadas en O Pino de idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos.

As obras presentadas a concurso terán formato DIN A4 e deben incluír a lenda “O Pino, Entroido 2011”. Tamén teñen que levar no reverso nome, idade, enderezo e teléfono do autor ou autora.

Os concursantes poden presentar os seus carteis ata o xoves, 17 de febreiro no CPI Camiño de Santiago, no Concello ou no Centro Sociocultural Luís Seoane.

O concurso establece tres categorías por tramos de idade e os premios outorgados, un por categoría, estarán adaptados ás idades dos participantes.

O xurado valorará en cada cartel a calidade, a orixinalidade, os elementos empregados e as referencias ao concello.

A entrega de premios realizarase o domingo día 6 de marzo, durante o Concurso de Disfraces organizado polo Concello.

26 ene 2011

SEGURIDADE VIARIA

O informe Eurorap advirte do perigo no traxecto da N-547 ao seu paso por Ferreiros

O Real Automóbil Club de Cataluña (RACC) acaba de publicar o seu informe Eurorap 2009, no que se mide o perigo dos tramos viarios de España.

No citado informe non figura como traxecto negro ningunha das vías que atravesan o concello de O Pino, pero si se rexistra o perigo da N-547 ao seu paso por Ferreiros, cunha densidade de accidentes por quilómetro de 4,7 sucesos anuais.

Os técnicos tamén establecen como tramo verde ou de risco medio para os condutores o tramo da N-547 comprendido entre Burres e Ferreiros, que suma 0,3 accidentes por quilómetro.

En canto as estradas son o que son, compre que os condutores teñamos precaución.

AVOA CENTENARIA

Madruga con ansia para darlle de comer aos animais.

A veciña de O Pino Plácida Quián Suárez celebrou o seu centenario o pasado luns chea de enerxía vital.

Na conmemoración deste gran día foi agasallada con unha imaxe da Virxe da Tenrura por parte do párroco de Arca. Tamén recibiu un ramo de flores e unha placa conmemorativa do evento que lle entregaron o alcalde e dúas edís como representación municipal.

21 ene 2011

PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN INTERIOR



Dotado con axudas dun 25% do custo a partir dos 500€ desde o 6 de abril

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) presentou a primeira edición dun Plan de Renovación de Equipos de Iluminación Interior destinado a conceder axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos a través da substitución das instalacións lumínicas existentes de iluminación por outras máis eficientes.

Será subvencionable a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre e cando permitan reducir a potencia instalada en iluminación, polo menos, nun 30%, cumprindo os requirimentos de calidade e confort visual regulamentarios.

Tamén se subvencionará a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario sempre e cando permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto a instalacións sen control ou regulación.

I CONCURSO DE CARTAS DE AMOR E IMAXES ROMÁNTICAS - SAN VALENTÍN

O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino convoca o I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Poderán participar no concurso tódalas persoas empadroadas no concello de O Pino presentando obras inéditas sobre o amor en calquera das súas manifestacións.

Cada concursante poderá participar nas dúas modalidades presentando como máximo dous traballos -unha carta e unha fotografía- no Concello, no Centro Sociocultural Luís Seoane ou na Biblioteca Municipal.

Segundo as bases do concurso, cada traballo será presentado dentro dun sobre grande cun lema por fóra. A ese sobre grande irá grampado un sobre pequeno co mesmo lema exterior que conterá os datos do autor/a.

As cartas deben estar redactadas en lingua galega utilizando un máximo de tres folios mecanografados a dobre espazo e pódese recorrer ao formato de narración, poema ou mensaxe curta.

Na modalidade de fotografía, as imaxes presentadas serán orixinais en tamaño 15x20 a cor ou branco e negro que non plaxien ou usurpen a terceiros presentadas. O autor debe contar coa autorización de publicación das persoas que aparezan nas imaxes, ou de seu pai, nai ou titor/a nos casos de que os que aparezan sexan menores de idade.

Tódalas obras participantes pasarán a formar parte do arquivo municipal e o Concello resérvase o dereito de publicalos, citando sempre o nome do autor/a.

Hai tres premios por categoría –1º premio, 2º e accésit- dotados con 200€, 150€ e 75€ respectivamente que fallará de xeito inapelable un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural.

19 ene 2011

CURSO DE GRADUADO EN ESO PARA ADULTOS EN O PINO


O prazo de inscrición está aberto ata o día 4 de febreiro.


O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos dispostas a obter o título de Graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias nos meses de xuño e setembro que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o 4 de febreiro na oficina de Desenvolvemento Local do Concello ou no teléfono 981 511 002.

18 ene 2011

NOVA LIÑA ELÉCTRICA

UDESA prevé instalar unha liña eléctrica subterránea a 20 kV entre o C.T. Arca III, na Avda. de Santiago e o C.T. Fontela, pasando polo C.T. A Solaina.

A petición de autorización de instalación da nova liña, que terá 1696 m de lonxitude en condutor R.H.Z.-1 de 240 mm2, está sometida a información pública co expediente IN407A 10/312, segundo publica o DOG do luns, 17 de xaneiro.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente e presentar as súas alegacións no departamento territorial de A Coruña, no prazo de vinte días a partir da publicación.

13 ene 2011

CAFÉ-COLOQUIO NO CENTRO SOCIOCULTURAL LUÍS SEOANE

A Concellaría da Muller e Benestar Social do Concello de O Pino organiza un café-coloquio en colaboración coa ANPA do CPI Camiño de Santiago.

O coloquio está pensado para a asistencia conxunta de nais e pais coas respectivas fillas e fillos de ata 21 anos para tratar de forma estendida temas de interese común.

No acto, coordinado por SIF (Servicios Integrais de Información), abordaranse a presión de grupo, o fenómeno botellón, as drogas, o acoso escolar, o poñer límites, etc.

As familias interesadas deben confirmar a asistencia antes do día 19 contactando coa Educadora Familiar-Psicóloga do Concello.

12 ene 2011

CINCUENTA ANOS DE “MEMORIAS DUN NENO LABREGO”

A obra de Neira Vilas vai xa pola 31 edición e leva vendidos máis de 600.000 exemplares.

O autor celebrou o aniversario na Estrada e anunciou que prepara un guión para un filme sobre a obra.


Memorias dun neno labrego” publicouse por primeira vez o 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires, onde Neira Vilas se atopaba emigrado dende 1949.

Esta novela, que converteu a Xosé Neira Vilas no autor máis lido da historia da literatura galega, supera xa os 600.000 exemplares vendidos e foi traducida, entre outros moitos idiomas, ao chinés, ao ruso e ao esperanto.

Para conmemorar o 50 aniversario da primeira edición da súa emblemática obra, Neira Vilas, natural de Gres-Vila de Cruces, participou nun acto multitudinario que tivo lugar o pasado 5 de xaneiro no Museo do Moble de A Estrada .

No acto, o escritor anunciou que está a preparar o guión para un filme baseado nesta publicación.

A editorial Galaxia fará unha reedición da novela utilizando a portada orixinal de Luís Seoane.

Para unirnos a este aniversario tan significativo recorremos a Mini e Mero que cantan con Quenlla ao Balbino.


APROBADO O ESTUDO INFORMATIVO DO ÚLTIMO TRAMO DA A-54

O orzamento estimado para este tramo de 28 quilómetros, Arzúa-Palas de Rei, da autovía entre Santiago e Lugo é de 188,9 millóns de euros.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este martes, 11 de xaneiro, a aprobación definitiva por parte do Ministerio de Fomento do estudo informativo correspondente ao tramo Arzúa-Palas de Rei da Autovía A-54, entre Santiago e Lugo.

10 ene 2011

O BNG LOCAL REXEITA A VALORACIÓN QUE A DEPUTACIÓN FIXO SOBRE A ECONOMÍA DO CONCELLO

Xosé R. Franco cuestiona que o goberno local sexa austero e reclama servizos básicos.

O líder da agrupación local do BNG, Xosé R. Franco, argumenta que o municipio non aproveitou os tempos de bonanza económica procedente do incremento da recadación municipal por licenzas urbanísticas para dotar ao concello dos servizos e infraestruturas básicas que se precisan.

FERNÁNDEZ PADERNE RENUNCIA SER CANDIDATO DO PSOE Á ALCALDÍA NAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS

Tamén renuncia ao cargo de secretario da agrupación local.

O portavoz do PSOE de O Pino, José Luís Fernández Paderne, presentou a súa renuncia tanto a encabezar as listas á alcaldía de O Pino nas próximas eleccións municipais, como a continuar de secretario da agrupación local.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text