30 nov 2012

RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR

Rematadas as votacións, foron proclamados os candidatos

Este ano corresponde renovar a metade dos membros do Consello Escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos.



O Consello Escolar é o órgano colexiado de goberno mediante o que participan na xestión do centro educativo tódolos sectores da comunidade a través dos seus representantes. Como os demais órganos de goberno, ó Consello Escolar correspóndelle velar pola efectiva realización dos fins da educación, pola mellora da calidade do ensino e pola configuración dun auténtico ensino galego, con total respecto ós principios e valores da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia.



O proceso de renovación estase desenvolvendo con normalidade segundo o calendario establecido pola Xunta Electoral que foi constituída para garantir todo o proceso.



Nesta ocasión, a xornada de votación dos representantes do alumnado, das nais e pais, e do profesorado tivo lugar o pasado 27 de novembro. Rematado o horario de votación, as tres mesas electorais realizaron os respectivos escrutinios e levantaron acta dos resultados das votacións.



Dos 111 escolares matriculados na ESO que constitúen o censo de electores deste sector, exerceron o seu dereito a voto 85 alumnas e alumnos, o que supón unha participación do 77% dos censados, que elixiron como seus representantes a Laura Zas Vaamonde, Felipe Juan González Fernández e Nicolás Sánchez Maseda.



O censo do sector de nais e pais e titores está composto polas 461 persoas que teñen ao seu cargo algún escolar matriculado no centro e, destes, emitiu o seu voto o 13% pois votaron 59 persoas. Neste caso produciuse un empate a votos entre as dúas candidaturas máis votadas: Marta María castro Lamas e María Cruz Mirás Picón, que finalmente é a elixida por posuír maior antigüidade no centro.



O sector do profesorado, integrado por 41 docentes, elixiu os seus representantes en sesión de Claustro extraordinario na que participaron 34 electores, o 83 % do total. Resultaron elixidos para representar ao Claustro no Consello Escolar durante catro anos María José Tobar Quintanar, Serafín Barreiros Formoso e María Eulalia Simal Iglesias. Margarita Garrido Campos, a cuarta candidatura en número de votos, cobre a baixa de Jesús Mª López Gromaz e cesará na próxima renovación parcial.




Finalmente, este proceso electoral rematará coa constitución do novo Consello Escolar que está prevista para vindeiro 4 de decembro.

12 nov 2012

A LINO, NO CABODANO DO SEU PASAMENTO

Foriño Vermello,
seu fiel escudeiro,
que sabes de Lino?
que é de Rieiro?

Ollade en  Arca,
nas terras de O Pino,
ou iría a Vimieiro
a mallar o trigo?

Foriño Vermello
escudeiro fiel,
onde está Lino,
di, que sabes del?

Mirade no Vinte,
pola carballeira;
estará encargando
o polbo á polbeira?  

Onde está Lino,
escudeiro fiel,
Foriño Vermello
ti que sabes del?

Buscade nas fontes,
cacheade os camiños;
andará de troula
con Parga e Espiño?

Que sabes de Lino,
Foriño Vermello,
amigo infinito,
amigo selecto?

Berrou Nunca Máis
no fondo do peito!
Librouse dos soños
que o tiñan suxeito.


Foriño Vermello,
amigo perpetuo,
dinos onde está
que queremos velo.

Mirade entre vós,
nos vosos adentros;
aí o teredes
troulando contento

Ceibe, polo vento,
entre nós, alegre,
quedou na memoria
que nunca se perde.


 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text