22 jun 2009

A COCIÑEIRA LOURDES



ENTREVISTA A LOURDES OTERO REY, COCIÑEIRA NO CPI “Camiño de Santiago” DENDE OUTUBRO DO 2004 ATA NOVEMBRO DE 2008.


Falando do noso Comedor Escolar, quen non lembra o puré de cenoiras, a porrusalda basca, o peixe fresco feito ó forno ou as croquetas e albóndigas caseiras?

Pois estes pratos non se comían no noso comedor antes de chegar Lourdes a dirixir a cociña: ó longo de catro cursos, ela, xunto con Lucita e Ana (Auxiliares de Cociña) Carmela, Isabel, Pili e Mónica (Encargadas de Comedor en sucesivos cursos) foron actualizando os nosos menús, facéndoos máis apetitosos e nutritivos.

PREGUNTA: Onde te preparaches para cociñar así de ben?

RESPOSTA: Formeime dende nena (a miña bisavoa e meus pais tiñan negocio de hostelería): empecei servindo mesas no comedor que tiñamos cun menú á carta e pensión completa; con 15-16 anos fixen Hostelería-Cociña no que hoxe sería un Ciclo de FP; logo traballei en restaurantes meténdome despois nas listas do SERGAS e da Xunta indo a gardeirías, residencias e comedores escolares..

PREGUNTA: En que lugares concretos traballaches antes de chegar eiquí e onde estás agora?

RESPOSTA: Pois como son tantos e sería longo enumeralos todos, direi só algúns:
Residencia “Porta do Camiño”, Residencia de Estudantes “General Barroso”, Gardeiría Universitaria da USC... e agora estou no CPI “O Forte” de Boqueixón.

PREGUNTA: Que lembras con máis agarimo do CPI “Camiño de Santiago”?

RESPOSTA: A cara de satisfacción das nenas e nenos á hora de comer, as gañas de repetir os pratos..... “fresas con nata, flores de Antroido...

PREGUNTA: Unha comida especialmente laboriosa na súa preparación era....

RESPOSTA: As croquetas e albóndigas, o salpicón de marisco, as flores de Antroido...

PREGUNTA: Dentro do teu traballo, cres que fixeches algo especial no noso Centro?

RESPOSTA: Non, síntome responsable do meu traballo e fagoo sempre o mellor que podo en calquera lugar onde vaia.

PREGUNTA: Que foi o que máis che sorprendeu cando chegaches aquí?

RESPOSTA: O sistema de autoservizo polas ventaxas que implica: comida quente, ración axeitada, menos traballo de limpeza...

Lourdes, agradecemos moito as túas palabras e a túa dedicación cando estiveches con nós e, sendo que esta entrevista vai sair no noso xornal dixital, queres engadir algo máis?

RESPOSTA: Si: que estou moi satisfeita do traballo feito no Centro.

Entrevista feita por: Esperanza Abelleira Bouza, Mestra de Inglés
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text