Mostrando entradas con la etiqueta O Pino. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O Pino. Mostrar todas las entradas

12 nov 2012

A LINO, NO CABODANO DO SEU PASAMENTO

Foriño Vermello,
seu fiel escudeiro,
que sabes de Lino?
que é de Rieiro?

Ollade en  Arca,
nas terras de O Pino,
ou iría a Vimieiro
a mallar o trigo?

Foriño Vermello
escudeiro fiel,
onde está Lino,
di, que sabes del?

Mirade no Vinte,
pola carballeira;
estará encargando
o polbo á polbeira?  

Onde está Lino,
escudeiro fiel,
Foriño Vermello
ti que sabes del?

Buscade nas fontes,
cacheade os camiños;
andará de troula
con Parga e Espiño?

Que sabes de Lino,
Foriño Vermello,
amigo infinito,
amigo selecto?

Berrou Nunca Máis
no fondo do peito!
Librouse dos soños
que o tiñan suxeito.


Foriño Vermello,
amigo perpetuo,
dinos onde está
que queremos velo.

Mirade entre vós,
nos vosos adentros;
aí o teredes
troulando contento

Ceibe, polo vento,
entre nós, alegre,
quedou na memoria
que nunca se perde.


20 abr 2011

O PINO: ELECCIÓNS MUNICIPAIS 22 MAIO 2011


Manuel Taboada Vigo, Mª Begoña Pampín Casal e Francisco Calvo Martínez encabezan respectivamente as candidaturas do PP, PSOE e BNG.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe, 20 de abril de 2011, as candidaturas que se presentan ás eleccións municipais do 22 de maio.

No concello de O Pino presentan candidatura as tres agrupacións políticas que obtiveron representantes nas últimas convocatorias electorais, con importantes novidades nas listaxes.

A candidatura do PARTIDO POPULAR (P.P.) está integrada polos seguintes candidatos:

1 Don MANUEL TABOADA VIGO
2 Don MANUEL CANABAL FERRO
3 Don GERARDO PINTOR GÓMEZ
4 Dona EVA VARELA GAGO
5 Dona MARÍA DEL CARMEN FRANCOS GARCIA
6 Don JOSE MANUEL CARREIRA LOPEZ
7 Don ENRIQUE CASTRO SUAREZ
8 Dona MARIA DE LAS MERCEDES VAZQUEZ RODEIRO
9 Don JAVIER SUAREZ GARCIA
10 Dona ANA MERCEDES MUIÑO DACHILLE
11 Dona BELEN VILLAR COSTOYA

Suplentes:

1 Don LISARDINO PAZOS VEIRAS
2 Don VICTORIANO ALONSO MONTERO
3 Don JOSE MANUEL CABALEIRO REY
4 Dona BEATRIZ ESPIÑEIRA VARELA
5 Dona SONIA LAGO EIRAS
6 Don MIGUEL FERRO SANCHEZ
7 Dona FATIMA IGLESIAS PINTOR
8 Don FERNANDO REY OROIS
9 Dona MARIA ELENA CASTRO FERNANDEZ

A candidatura do PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA - PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL (PsdeG-P.S.O.E.) intégrana:

1 Dona MARIA BEGOÑA PAMPIN CASAL (Independente)
2 Don JOSE LUIS FERNANDEZ PADERNE
3 Don OSCAR VILAR CHENTO
4 Dona ROCIO AGRA BALEATO (Independente)
5 Don JOSE RIAL MOSQUERA
6 Dona MARIA DEL CARMEN VAZQUEZ GIL (Independente)
7 Don JULIO CASTRO CARRILLO (Independente)
8 Dona YOLANDA CARNOTA OTERO (Independente)
9 Don AMANCIO FERNANDEZ CODESIDO
10 Don MANUEL PEREIRO NEIRA
11 Dona MARIA JOSE BLANCO OURO


A candidatura do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (B.N.G.) contén os seguintes candidatos e candidatas:

1 Don FRANCISCO CALVO MARTINEZ
2 Don JOSE LUIS VIDAL BROCOS
3 Dona MARIA CONSUELO ABEL SUAREZ
4 Don ABEL GARCIA LAGARES
5 Dona SARA SUAREZ FERNANDEZ
6 Don XOSE RAMON FRANCO VIDAL
7 Dona MARIA ELISA PARGA COTON
8 Don JESUS SALVADO MIGUEZ
9 Dona MARIA LUISA CASTRO LEMOS
10 Don LUIS CARREIRA PEREZ
11 Dona MARIA REMEDIOS VAZQUEZ GIL

Suplentes:

1 Don XOSE ANTON COTON GAREA
2 Dona MARIA CONCEPCION LAGO SUAREZ

16 mar 2011

NOVA ESCOLA DE MÚSICA EN O PINO

A Banda de Arca estreará novo local este mes

A empresa Escavacións Ovidio rematou as obras de rehabilitación do antigo centro de saúde que albergará a nova escola de música.

As obras, nas que se investiron 120.000 euros procedentes de fondos do Plan E, foran iniciadas en xuño de 2010 e acumularon varios meses de atraso, pois a entrega estaba prevista para o inicio do curso escolar.

A nova escola de música de O Pino ocupa a metade do edificio rehabilitado e dispón de un salón polivalente, cinco aulas de música, despachos de administración, dous aseos e un cuarto para a limpeza, distribuídos sobre unha superficie de 162,43 metros cadrados.

A outra metade do edificio destinarase previsiblemente a oficinas de atención aos peregrinos.

Unha vez que se instale o mobiliario nos próximos días, a Banda de Música de Arca verá cumprida a súa vella aspiración de contar con un local apropiado que facilite a oficialización da escola que terá capacidade para uns oitenta alumnos.

4 mar 2011

ACOITELADA NO PESCOZO A RECEPCIONISTA DO HOSTAL PLATAS DE ARCA


O agresor, cliente do hostal, foi detido pola Garda Civil tras ofrecer resistencia e a vítima quedou ingresada no HCU de Santiago.

Arredor das 18.30 horas do pasado mércores, a recepcionista do hostal Platas, unha muller de 31 anos que responde ás iniciais E.P.R., foi agredida no pescozo por un cliente.

Ao parecer o agresor, un home de vinte e oito anos que estaba hospedado no hotel, baixou a recepción e pediu a E.P.R. que o acompañara á súa habitación para axudarlle a entrar alegando que a porta quedara atrancada.

Cando chegaron á porta da habitación, a recepcionista desconfiou das intencións do cliente e este sacou un coitelo para obrigala a entrar. A recepcionista resistiuse e no forcexo foi cando o home, supostamente, lle fixo un corte profundo na zona da caluga coa arma branca.

E.P.R. conseguiu zafarse do agresor, baixou e buscou axuda na cafetaría Che, do mesmo propietario. Desde o bar contactaron co servizo de emerxencias do 112 arredor das 18.50 horas.

Cando chegou a ambulancia, a empregada subiu a ela polo seu pé e foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago onde foi valorado o seu estado como grave, tanto polas feridas como polo estado de ansiedade que lle produciu o episodio sufrido.

Posteriormente, E.P.R. foi traslada a planta onde permanece ingresada con prognóstico leve, pendente de evolución.

En canto ao presunto agresor, os axentes da Garda Civil que acudiron a detelo atopárono nas inmediacións do lugar da agresión, deambulando pola beirarrúa e ameazando á xente. Os axentes tiveron que empregar un esprai para reducilo e poder esposalo, pois mantiña unha actitude agresiva e belixerante portando a arma branca aínda na man.

Posteriormente foi trasladado ás dependencias da Garda Civil de Santiago á espera de pasar a disposición xudicial no Xulgado de Instrución de Arzúa

3 feb 2011

O PINO, PATRIMONIO E NATUREZA

O Concello de O Pino publica na web o vídeo “O Pino. Heritage and Nature no que ofrece ao mundo unha mostra do seu patrimonio e natureza presentados nun traballo de 4:20 minutos de duración en formato Macromedia Flash.

O audiovisual está aloxado en You Tube desde a páxina web de World News, no enderezo http://wn.com/concellodeopino, que ofrece ademais unha colección de imaxes sen filtrar obtidas a través de Google Images utilizando como criterio de busca “Concellodeopino”

A información complementaria figura en inglés e castelán.


28 ene 2011

CURSO GRATUÍTO DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA

O prazo de inscrición remata o día 4 de febreiro.

O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos ou que os cumpran no ano 2011 que desexen obter o título de Graduado en Educación Secundaria.

As clases desenvolveranse durante 240 horas en sesións de tarde a partir do mes de febreiro.

26 ene 2011

AVOA CENTENARIA

Madruga con ansia para darlle de comer aos animais.

A veciña de O Pino Plácida Quián Suárez celebrou o seu centenario o pasado luns chea de enerxía vital.

Na conmemoración deste gran día foi agasallada con unha imaxe da Virxe da Tenrura por parte do párroco de Arca. Tamén recibiu un ramo de flores e unha placa conmemorativa do evento que lle entregaron o alcalde e dúas edís como representación municipal.

21 ene 2011

I CONCURSO DE CARTAS DE AMOR E IMAXES ROMÁNTICAS - SAN VALENTÍN

O prazo de admisión de traballos remata o 9 de febreiro de 2011.

O departamento de Cultura do Concello de O Pino convoca o I Concurso de Cartas de Amor e imaxes románticas co gallo da celebración do Día de San Valentín.

Poderán participar no concurso tódalas persoas empadroadas no concello de O Pino presentando obras inéditas sobre o amor en calquera das súas manifestacións.

Cada concursante poderá participar nas dúas modalidades presentando como máximo dous traballos -unha carta e unha fotografía- no Concello, no Centro Sociocultural Luís Seoane ou na Biblioteca Municipal.

Segundo as bases do concurso, cada traballo será presentado dentro dun sobre grande cun lema por fóra. A ese sobre grande irá grampado un sobre pequeno co mesmo lema exterior que conterá os datos do autor/a.

As cartas deben estar redactadas en lingua galega utilizando un máximo de tres folios mecanografados a dobre espazo e pódese recorrer ao formato de narración, poema ou mensaxe curta.

Na modalidade de fotografía, as imaxes presentadas serán orixinais en tamaño 15x20 a cor ou branco e negro que non plaxien ou usurpen a terceiros presentadas. O autor debe contar coa autorización de publicación das persoas que aparezan nas imaxes, ou de seu pai, nai ou titor/a nos casos de que os que aparezan sexan menores de idade.

Tódalas obras participantes pasarán a formar parte do arquivo municipal e o Concello resérvase o dereito de publicalos, citando sempre o nome do autor/a.

Hai tres premios por categoría –1º premio, 2º e accésit- dotados con 200€, 150€ e 75€ respectivamente que fallará de xeito inapelable un xurado integrado por persoas representantes do eido educativo e/ou cultural.

19 ene 2011

CURSO DE GRADUADO EN ESO PARA ADULTOS EN O PINO


O prazo de inscrición está aberto ata o día 4 de febreiro.


O Concello de O Pino organiza un curso de formación destinado a persoas maiores de dezaoito anos dispostas a obter o título de Graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias nos meses de xuño e setembro que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición ata o 4 de febreiro na oficina de Desenvolvemento Local do Concello ou no teléfono 981 511 002.

18 ene 2011

NOVA LIÑA ELÉCTRICA

UDESA prevé instalar unha liña eléctrica subterránea a 20 kV entre o C.T. Arca III, na Avda. de Santiago e o C.T. Fontela, pasando polo C.T. A Solaina.

A petición de autorización de instalación da nova liña, que terá 1696 m de lonxitude en condutor R.H.Z.-1 de 240 mm2, está sometida a información pública co expediente IN407A 10/312, segundo publica o DOG do luns, 17 de xaneiro.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente e presentar as súas alegacións no departamento territorial de A Coruña, no prazo de vinte días a partir da publicación.

10 ene 2011

O BNG LOCAL REXEITA A VALORACIÓN QUE A DEPUTACIÓN FIXO SOBRE A ECONOMÍA DO CONCELLO

Xosé R. Franco cuestiona que o goberno local sexa austero e reclama servizos básicos.

O líder da agrupación local do BNG, Xosé R. Franco, argumenta que o municipio non aproveitou os tempos de bonanza económica procedente do incremento da recadación municipal por licenzas urbanísticas para dotar ao concello dos servizos e infraestruturas básicas que se precisan.

FERNÁNDEZ PADERNE RENUNCIA SER CANDIDATO DO PSOE Á ALCALDÍA NAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS

Tamén renuncia ao cargo de secretario da agrupación local.

O portavoz do PSOE de O Pino, José Luís Fernández Paderne, presentou a súa renuncia tanto a encabezar as listas á alcaldía de O Pino nas próximas eleccións municipais, como a continuar de secretario da agrupación local.

31 dic 2010

A DEPUTACIÓN LOA A SITUACIÓN ECONÓMICA DE O PINO

Un estudo cualifica a xestión económica municipal como "excelente tanto dende o punto de vista orzamentario como do económico e financeiro"

29 dic 2010

ADXUDICADA A CONSTRUCCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE O PINO



O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que podería estar operativa para o curso 2011-2012

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cerrou o proceso de adxudicación da obra da futura Escola Infantil Municipal por un montante de 647.820 euros, sendo a empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones seleccionada entre as 48 firmas que concorreron ao proceso de contratación das obras.

A nova escola será construída en Arca e disporá de 41 prazas para escolares de entre 3 meses e tres años de idade, distribuídas en tres unidades.

A entrada en funcionamento do futuro centro está planificada para finais do ano 2011 formando parte da Rede de Escolas Infantís de Galicia Galiña Azul.

Na actualidade, O Pino conta con un Punto de Atención á Infancia (P.A.I.), localizado en Pedrouzo que funciona os días laborables en horario de mañá (09:30-13:30) e tarde (16:00-20:00) para atender a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 3 anos.

24 dic 2010

PROGRAMA NADAL LÚDICO

Organizado polo departamento de deportes do Concello, os vindeiros 28 e 29 de decembro desenvolverase o programa NADAL LÚDICO 2010 no Polideportivo Municipal.

As actividades realizaranse entre as 16:30 e as 19:30 horas, serán gratuítas e van dirixidas a tódalas idades. Así, os máis cativos disporán de inchables, haberá tamén obradoiros de manualidades con globoflexia, modelaxe… e torneos multideportivos de fútbol 3x3 e basket 3x3 para as diferentes idades.

CLAUSURA DO OBRADOIRO DE EMPREGO EN O PINO


Desenvolveuse durante doce meses e os participantes recuperaron infraestruturas municipais na fase práctica.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, clausuraron o obradoiro de emprego “Camiño Francés-O Pino II” en un acto celebrado o pasado mércores 23 de decembro, no que fixeron entrega dos títulos acreditativos aos 33 alumnos participantes.

O obradoiro de emprego “Camiño Francés-O Pino”, que se desenvolveu durante doce meses divididos en dúas fases de seis meses cada unha, foi promovido polo Concello e financiado pola Consellería de Traballo e Benestar, que investiu un total de 699.851 euros na realización desta actuación destinada a mellorar as posibilidades reais de acceso ao mercado laboral dos 33 participantes.

As persoas que se formaron no obradoiro obtiveron coñecementos de albanelería, carpintería e xardinería que puxeron en práctica na reconstrución do local social de Cebreiro, no peche da tribuna do campo de fútbol de O Pino e no acondicionamento das áreas recreativas de Vilar, San Mamede-Ferreiros e na carballeira de Suso-Ferreiros.

Para desenvolver as accións formativas e de prácticas, o obradoiro contou con un equipo composto por un director, un mestre para cada especialidade, un mestre de formación empresarial, unha titora e unha auxiliar administrativa contratados baixo a modalidade de obra e servizo e que tamén se beneficiaron desta actividade formativa.

Os alumnos participantes nesta actividade foron contratados baixo a modalidade de contrato de formación e percibiron unha retribución mensual de 950 euros.

17 dic 2010

CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS

Cáritas Parroquial de Arca e O Pino organiza un curso de primeiros auxilios de 10 horas de duración a celebrar en tres días do vindeiro mes de febreiro. Aos participantes outorgaráselle un diploma oficial de asistencia.

O prezo do curso é de 10 euros, pero os socios da ANPA do CPI Camiño de Santiago terán un desconto do 50%

O teléfono de contacto para obter máis información a través da ANPA é o 629 646 692.

Cando sexa oficial o calendario definitivo, tódalas persoas interesadas serán informadas telefonicamente dos días e do horario nos que se desenvolverá o curso.

16 dic 2010

PROGRAMACIÓN CULTURAL DE NADAL

A Concellaría de Cultura do Concello de O Pino anuncia a súa programación de Nadal, que pretende ser variada, atractiva e novidosa para satisfacer tódolos gustos e atender as diferentes idades.

O martes, 21 de decembro Papá Noel visitará as escolas unitarias, o Pai e o CPI Camiño de Santiago para recoller as cartas dos escolares de 0 a 7 anos que recibirán un conto en galego como agasallo.

O mércores día 22 a partir das 10:00 horas, no auditorio do Centro Sociocultural Luís Seoane, terá lugar o tradicional Festival de Nadal promovido como actividade complementaria do CPI Camiño de Santiago en colaboración coas escolas unitarias.

O domingo 26, a partir das 19:30 horas, a Banda de Música de Arca interpretará no auditorio do Centro Sociocultural o Concerto de Nadal.

O domingo 3 de xaneiro complétase a oferta musical a partir das 19:00 horas co Festival de Corais organizado polo Coro de Arca no Centro Sociocultural.

O mércores 5 de xaneiro, as SS.MM. os Reis Magos visitarán tódalas parroquias do concello na xa tradicional Cabalgata de Reis, que rematará cunha gran festa no polideportivo municipal, a partir das 17:00 horas. Os asistentes poderán degustar rosca e chocolate quente.

15 dic 2010

CONVOCATORIA DUNHA PRAZA DE DINAMIZADOR SOCIAL PARA O CONCELLO

O prazo de presentación de instancias é de dez días naturais

O Concello de O Pino saca a concurso mediante proceso selectivo unha praza de dinamizador social. A duración do contrato será de un ano e realizarase pola modalidade de obra ou servizo determinado.

As persoas interesadas deben presentar as instancias dirixidas ao Alcalde no Rexistro do Concello no prazo de dez días naturais.

No caso de optar por remitir a solicitude a través do correo ou por calquera das formas establecidas no artigo 38 da LRXAP-PAC, o interesado deberá anunciar ao Concello o envío da instancia mediante fax antes de que remate o prazo de presentación para que a instancia sexa admitida.

Pódese obter unha copia das bases da convocatoria nas oficinas do Concello.

CURSO DE MANIPULACIÓN DE ALIMENTOS

Está aberto o prazo de inscrición para a realización dun curso de manipulación de alimentos o vindeiro 17 de decembro. As persoas interesadas deben presentar as súas solicitudes nas oficinas de Desenvolvemento Local. O teléfono de contacto para obter máis información é o 981 511 002.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text