4 mar 2011

ACOITELADA NO PESCOZO A RECEPCIONISTA DO HOSTAL PLATAS DE ARCA


O agresor, cliente do hostal, foi detido pola Garda Civil tras ofrecer resistencia e a vítima quedou ingresada no HCU de Santiago.

Arredor das 18.30 horas do pasado mércores, a recepcionista do hostal Platas, unha muller de 31 anos que responde ás iniciais E.P.R., foi agredida no pescozo por un cliente.

Ao parecer o agresor, un home de vinte e oito anos que estaba hospedado no hotel, baixou a recepción e pediu a E.P.R. que o acompañara á súa habitación para axudarlle a entrar alegando que a porta quedara atrancada.

Cando chegaron á porta da habitación, a recepcionista desconfiou das intencións do cliente e este sacou un coitelo para obrigala a entrar. A recepcionista resistiuse e no forcexo foi cando o home, supostamente, lle fixo un corte profundo na zona da caluga coa arma branca.

E.P.R. conseguiu zafarse do agresor, baixou e buscou axuda na cafetaría Che, do mesmo propietario. Desde o bar contactaron co servizo de emerxencias do 112 arredor das 18.50 horas.

Cando chegou a ambulancia, a empregada subiu a ela polo seu pé e foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago onde foi valorado o seu estado como grave, tanto polas feridas como polo estado de ansiedade que lle produciu o episodio sufrido.

Posteriormente, E.P.R. foi traslada a planta onde permanece ingresada con prognóstico leve, pendente de evolución.

En canto ao presunto agresor, os axentes da Garda Civil que acudiron a detelo atopárono nas inmediacións do lugar da agresión, deambulando pola beirarrúa e ameazando á xente. Os axentes tiveron que empregar un esprai para reducilo e poder esposalo, pois mantiña unha actitude agresiva e belixerante portando a arma branca aínda na man.

Posteriormente foi trasladado ás dependencias da Garda Civil de Santiago á espera de pasar a disposición xudicial no Xulgado de Instrución de Arzúa

0 comentarios:

Publicar un comentario

 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text