31 dic 2010

PLAN RENOVE PARA A CALEFACCIÓN E O AIRE ACONDICIONADO




O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) acaba de presentar o novo Plan Renove de Equipos de Climatización 2010 destinado a conceder axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos.

Esta segunda edición do Plan Renove dispón de un orzamento de 1 millón de euros para subvencionar o cambio de caldeiras, equipos de climatización e bombas de calor de baixa eficiencia enerxética, por outros equipos de alta eficiencia enerxética con potencia nominal térmica entre 5 e 70 kw.

A contía da subvención poderá chegar ata o 25% do custo da instalación e depende da potencia nominal instalada. Así, as axudas para caldeiras de condensación poden alcanzar os 1.320 € mentres que a substitución de equipos de aire acondicionado e bombas de calor pode acadar unha subvención de 3.840 €.


Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas propietarias de vivendas ou edificios do sector terciario que deberán acudir a un establecemento adherido a dito Plan para que lle tramiten a solicitude. A listaxe de establecementos adheridos publicarase na páxina web do INEGA: www.inega.es

O prazo para acollerse ás axudas comeza o 3 de febreiro e rematará o 30 de xuño de 2011 se non se esgotan antes os fondos dispoñibles.

A DEPUTACIÓN LOA A SITUACIÓN ECONÓMICA DE O PINO

Un estudo cualifica a xestión económica municipal como "excelente tanto dende o punto de vista orzamentario como do económico e financeiro"

30 dic 2010

IV CERTAME DE CORAIS EN O PINO

Terá lugar o vindeiro domingo ás 19:30 h. no Centro Sociocultural

O Coro Santa Eulalia de Arca e o Concello de O Pino organizan conxuntamente o cuarto certame de corais integrado na programación municipal de Nadal.

O certame celebrarase no serán do domingo 2 de xaneiro, a partir das 19:30 horas no Auditorio do Centro Sociocultural Luís Seoane.

O coro anfitrión estará acompañado pola Coral Polifónica de Urdilde, a agrupación Coto da Nai, de Aríns e a coral Santa Eulalia de Senra – Oroso.

Cada agrupación interpretará tres temas do seu repertorio e logo actuarán conxuntamente para interpretar o Himno Galego como peche do evento.

Será o primeiro acto cultural municipal no 2011.

29 dic 2010

ADXUDICADA A CONSTRUCCIÓN DA NOVA ESCOLA INFANTIL DE O PINO



O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que podería estar operativa para o curso 2011-2012

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cerrou o proceso de adxudicación da obra da futura Escola Infantil Municipal por un montante de 647.820 euros, sendo a empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones seleccionada entre as 48 firmas que concorreron ao proceso de contratación das obras.

A nova escola será construída en Arca e disporá de 41 prazas para escolares de entre 3 meses e tres años de idade, distribuídas en tres unidades.

A entrada en funcionamento do futuro centro está planificada para finais do ano 2011 formando parte da Rede de Escolas Infantís de Galicia Galiña Azul.

Na actualidade, O Pino conta con un Punto de Atención á Infancia (P.A.I.), localizado en Pedrouzo que funciona os días laborables en horario de mañá (09:30-13:30) e tarde (16:00-20:00) para atender a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 3 anos.

OS MUNICIPIOS ASUMIRÁN A XESTIÓN DA LIMPEZA NOS CENTROS PÚBLICOS INTEGRADOS.



O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos A. Fernández Castro asinaron onte, 28 de decembro, un convenio para a xestión dos gastos de limpeza dos centros públicos integrados (CPIs).

Mediante o convenio, a Consellería transfire 735.000 euros á Fegamp para que os reparta entre 37 concellos con CPIs a fin de que sexan as corporacións municipais as que xestionen, controlen e paguen os servizos de limpeza dos centros públicos integrados.

27 dic 2010

HAI UN TEMPO PARA CADA COUSA.

Xosé Luís chegou moi contento á casa logo do seu primeiro día e escola en Boavista.
Seu pai, véndoo feliz preguntoulle que tal lle fora coa mestra Susa.
- Moi ben. Xa aprendín a escribir!
- Estupendo! -Dixo o pai sorprendido-. E que escribiches?
- Non sei. Aínda non aprendín a ler.

24 dic 2010

PROGRAMA NADAL LÚDICO

Organizado polo departamento de deportes do Concello, os vindeiros 28 e 29 de decembro desenvolverase o programa NADAL LÚDICO 2010 no Polideportivo Municipal.

As actividades realizaranse entre as 16:30 e as 19:30 horas, serán gratuítas e van dirixidas a tódalas idades. Así, os máis cativos disporán de inchables, haberá tamén obradoiros de manualidades con globoflexia, modelaxe… e torneos multideportivos de fútbol 3x3 e basket 3x3 para as diferentes idades.

CLAUSURA DO OBRADOIRO DE EMPREGO EN O PINO


Desenvolveuse durante doce meses e os participantes recuperaron infraestruturas municipais na fase práctica.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, clausuraron o obradoiro de emprego “Camiño Francés-O Pino II” en un acto celebrado o pasado mércores 23 de decembro, no que fixeron entrega dos títulos acreditativos aos 33 alumnos participantes.

O obradoiro de emprego “Camiño Francés-O Pino”, que se desenvolveu durante doce meses divididos en dúas fases de seis meses cada unha, foi promovido polo Concello e financiado pola Consellería de Traballo e Benestar, que investiu un total de 699.851 euros na realización desta actuación destinada a mellorar as posibilidades reais de acceso ao mercado laboral dos 33 participantes.

As persoas que se formaron no obradoiro obtiveron coñecementos de albanelería, carpintería e xardinería que puxeron en práctica na reconstrución do local social de Cebreiro, no peche da tribuna do campo de fútbol de O Pino e no acondicionamento das áreas recreativas de Vilar, San Mamede-Ferreiros e na carballeira de Suso-Ferreiros.

Para desenvolver as accións formativas e de prácticas, o obradoiro contou con un equipo composto por un director, un mestre para cada especialidade, un mestre de formación empresarial, unha titora e unha auxiliar administrativa contratados baixo a modalidade de obra e servizo e que tamén se beneficiaron desta actividade formativa.

Os alumnos participantes nesta actividade foron contratados baixo a modalidade de contrato de formación e percibiron unha retribución mensual de 950 euros.

FESTIVAL DE NADAL 2010





O programa incluíu a actuación de tódolos escolares de E. Infantil e E. Primaria do CPI e das escolas unitarias do Concello.

O mércores día 22 a partir das 10:30 horas desenvolveuse no auditorio do Centro Sociocultural Luís Seoane o tradicional Festival de Nadal promovido como actividade complementaria do CPI Camiño de Santiago en colaboración coas escolas unitarias.

Abriron o festival os escolares de Educación Infantil. Comezou o grupo de catro anos con “O Papá Americano cargado de agasallos”; logo, o grupo de tres anos escenificou “Buscando Papá Noel...”; seguidamente, os pequerrechos de cinco anos representaron “Burbullas” para dar paso ao escolares das unitarias que actuaron conxuntamente coa obra “Paseo en trineo”.


A actuación dos grupos de primaria iniciouse coa intervención conxunta dos escolares de 1º e 2º con “Panxoliñas de Nadal”, seguidos do grupo de 3º, que escenificou “Waka Waka”. Logo, os maiores de 6ºB aportaron “O Papá Noel marchoso”, antes de que o grupo de 4º lembrara a Michael Jackson con “Smooth Criminal”. De seguido, un grupo de extraescolares reivindicou a Britney Spears con “Womanizer”, e os veteráns de 6ºA escenificaron “Blanca Navidad”. Máis tarde, outro grupo de extraescolares emulou a Batuka Junior con “Brujería” e finalmente, os escolares de 5º de EP cerraron o festival regueifando “Regueifas”.


Pola súa banda, o alumnado da ESO tivo unha xornada ordinaria de clase na que as respectivas titoras e titores entregaron as cualificacións correspondentes á primeira avaliación. Nas dúas últimas sesións, o alumnado de 3º e 4º trasladouse ao polideportivo para participar nunha actividade de cerre de trimestre.

23 dic 2010

ÉXITO DAS ACTIVIDADES DE NADAL SOLIDARIO NO CPI CAMIÑO DE SANTIAGO


Os contedores da OPERACIÓN KILO e de XOGUETES PARA A ILUSIÓN, tiveron que ser baleirados varias veces ao longo dos vinte días de campaña.


O pasado martes, 21 de decembro rematou no CPI Camiño de Santiago a campaña de Nadal Solidario con un faladoiro coloquio.

O acto, que se desenvolveu na sala de usos múltiples, comezou cunha actividade audiovisual e seguidamente membros da Asociación GONDWANA ofreceron unha charla na que informaron da súa actividade.

Gonwana é unha organización sen ánimo de lucro que, da man de Cáritas, naceu en Galicia hai dez anos para dar acollida e asesorar legalmente a persoas inmigrantes en situación de exclusión social, pero que foi crecendo e adaptándose para dar resposta a tódalas situacións de pobreza que chaman á súa porta, a que cada vez acoden máis persoas do noso entorno. Agora dispoñen dun banco de alimentos todo o ano para cubrir situacións momentáneas de precariedade.

Recentemente, o Concello de Santiago recoñeceu o labor social desta entidade concedéndolle o XVII Premio VAGALUME colectivo por ser "unha das organizacións que en Compostela crean confianza social, por xerar un espazo de participación que xunta a persoas inmigrantes de moi diferentes procedencias e culturas, por desenvolver un labor fundamental dende os diferentes ámbitos de actividade nos que traballan: social, cultural, inserción, comunitario, cooperación"

Preguntados polos escolares de ESO, os representantes da asociación presentes explicaron que eles son persoas voluntarias que colaboran de forma altruísta logo de rematar a súa xornada laboral.

Contaron que antes do venres 24 á tardiña, clasificarán e distribuirán os alimentos recollidos no CPI Camiño de Santiago nuns paquetes de Nadal que logo serán entregados a algunhas das 1200 familias que teñen no seu rexistro.

Logo, clasificarán os xoguetes por idades para repartir na noite de Reis nunha festa que farán cos “seus Reis Magos”.

A coordinadora da Asociación, Alejandra, en nome de tódolos membros de Gondwana expresou o seu agradecemento, de xeito sincero e humilde, con esta iniciativa de compartir un pouquiño do noso.

Rosa Andión, coordinadora da actividade no CPI agradeceu a aportación xenerosa do alumnado e das familias como “o mellor xeito de expresar o desexo de BO NADAL, indo MÁIS ALÁ”. Tamén lle transmitiu a Gondwana “o noso agradecemento por todo o que fan, polo seu xeito e espírito solidario todo o ano e tamén por facer posible que as nosas aportacións, A NOSA SEMENTE, CHEGUE A ESAS PERSOAS QUE O PASAN PEOR CA NÓS”.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text