11 nov 2010

MAGOSTO 2010

A castaña é a protagonista


Ao longo da presente semana desenvólvense no centro diversas actividades relacionadas co magosto, dinamizadas desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega -EDLG- e o comedor escolar.
O día 5 de santos inaugurouse a exposición “Froitos do outono” que se pode visitar na entrada do centro grazas ao bo facer das colaboradoras do comedor.
O venres 12 de santos cerraranse as actividades cunha festa gastronómica diferenciada por etapas.
O xantar da ESO terá lugar no patio superior entre as 12.10 e as 14.10 e inclúe no menú chocolate da República Dominicana, cola de Oregon, auga de Lardeiros, croissant do Amenal e castañas de Xinzo previamente amosegadas.
O xantar de Educación Infantil e Primaria, que inclúe tortilla española, ensalada e froita celebrarase no comedor desde as 14.30 ata as 15.30.

CURSO – OBRADOIRO ABALAR

Abalar comeza a abalar

O martes 9 de novembro, o coordinador TIC presentou as características do curso – obradoiro Abalar nunha sesión inicial que tivo lugar na sala do profesorado. Este curso está destinado á formación inicial do profesorado que imparte docencia en 5º de E. Primaria e 1º de ESO, niveis nos que se implantan as aulas Abalar. A duración do curso-obradoiro será de 50 horas e realizarase no propio centro nun espazo por determinar. As sesións terán lugar os martes de 17.30 a 20.30 e os xoves de 16.30 a 19.30 e desenvolveranse entre novembro do 2010 e maio do 2011. O obxectivo principal desta actividade de formación é familiarizar o profesorado cos elementos da aula Abalar para poder empregalos como un recurso máis na aula.

10 nov 2010

ESCOLA INFANTIL DE O PINO

A Consellería de Benestar ratifica para o 2011 a escola infantil de O Pino

Ata de agora o concello só dispón de un punto de atención á infancia.


Beatriz Mato, a conselleira de Benestar, anunciou que está prevista a construción e posta en funcionamento da escola infantil autonómica de O Pino para o ano 2011.

Esta nova escola infantil, que agora se atopa na fase de elaboración do proxecto, contará con tres unidades que permitirán dispoñer de 41 prazas.

Na actualidade, O Pino conta con un Punto de Atención á Infancia (P.A.I.), localizado en Pedrouzo que funciona os días laborables en horario de mañá (09:30-13:30) e tarde (16:00-20:00) para atender a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 3 anos.

22 jun 2009

A COCIÑEIRA LOURDES



ENTREVISTA A LOURDES OTERO REY, COCIÑEIRA NO CPI “Camiño de Santiago” DENDE OUTUBRO DO 2004 ATA NOVEMBRO DE 2008.


Falando do noso Comedor Escolar, quen non lembra o puré de cenoiras, a porrusalda basca, o peixe fresco feito ó forno ou as croquetas e albóndigas caseiras?

Pois estes pratos non se comían no noso comedor antes de chegar Lourdes a dirixir a cociña: ó longo de catro cursos, ela, xunto con Lucita e Ana (Auxiliares de Cociña) Carmela, Isabel, Pili e Mónica (Encargadas de Comedor en sucesivos cursos) foron actualizando os nosos menús, facéndoos máis apetitosos e nutritivos.

PREGUNTA: Onde te preparaches para cociñar así de ben?

RESPOSTA: Formeime dende nena (a miña bisavoa e meus pais tiñan negocio de hostelería): empecei servindo mesas no comedor que tiñamos cun menú á carta e pensión completa; con 15-16 anos fixen Hostelería-Cociña no que hoxe sería un Ciclo de FP; logo traballei en restaurantes meténdome despois nas listas do SERGAS e da Xunta indo a gardeirías, residencias e comedores escolares..

PREGUNTA: En que lugares concretos traballaches antes de chegar eiquí e onde estás agora?

RESPOSTA: Pois como son tantos e sería longo enumeralos todos, direi só algúns:
Residencia “Porta do Camiño”, Residencia de Estudantes “General Barroso”, Gardeiría Universitaria da USC... e agora estou no CPI “O Forte” de Boqueixón.

PREGUNTA: Que lembras con máis agarimo do CPI “Camiño de Santiago”?

RESPOSTA: A cara de satisfacción das nenas e nenos á hora de comer, as gañas de repetir os pratos..... “fresas con nata, flores de Antroido...

PREGUNTA: Unha comida especialmente laboriosa na súa preparación era....

RESPOSTA: As croquetas e albóndigas, o salpicón de marisco, as flores de Antroido...

PREGUNTA: Dentro do teu traballo, cres que fixeches algo especial no noso Centro?

RESPOSTA: Non, síntome responsable do meu traballo e fagoo sempre o mellor que podo en calquera lugar onde vaia.

PREGUNTA: Que foi o que máis che sorprendeu cando chegaches aquí?

RESPOSTA: O sistema de autoservizo polas ventaxas que implica: comida quente, ración axeitada, menos traballo de limpeza...

Lourdes, agradecemos moito as túas palabras e a túa dedicación cando estiveches con nós e, sendo que esta entrevista vai sair no noso xornal dixital, queres engadir algo máis?

RESPOSTA: Si: que estou moi satisfeita do traballo feito no Centro.

Entrevista feita por: Esperanza Abelleira Bouza, Mestra de Inglés

26 may 2009

No 2012 estará operativo o tramo Cima das Quintas-Arzúa Oeste da autovía A-54

O Ministerio de Fomento acaba de adxudicar provisionalmente as obras do tramo Lavacolla-Arzúa á empresa Dragados por 103 millóns de euros, co IVE incluído, distribuídos en catro anualidades.
A compañía contará cun prazo de execución das obras de 39 meses para rematar os dezaoito quilómetros e medio de vial que discorren paralelos á N-547.
Segundo o proxecto de execución das obras, o tramo contará con enlaces en Lavacolla, O Pino, Santa Irene, O Xen e Arzúa Oeste e cunha área de servizo situada no punto quilométrico 15. Ademais, tamén se executarán once pasos superiores, dez inferiores e dous de fauna.
Para adecuar o inicio deste trazado da A-54 ao tramo actual entre Santiago e Lavacolla habilitarase un tramo con novos enlaces en torno ao punto quilométrico 0,950 que comunique coas dúas estradas nacionais N-634 e N-547. Estes novos enlaces substituirán a actual glorieta da cal parten e na que finaliza actualmente a citada autovía. O enlace final, o de Arzúa Oeste, conectarase coa estrada autonómica AC-240.
A plataforma da autovía estará formada por dúas calzadas de sete metros de ancho e dotarase con beiravías exteriores de 2,5 metros e con interiores dun. A mediana acadará unha anchura total de nove metros.

24 may 2009

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO C.P.I. “CAMIÑO DE SANTIAGO”





O pasado 17 de maio foi o Día das Letras Galegas, e no centro, o departamento de galego decidiu celebralo implicando a todo o alumnado de secundaria. Os alumn@s pegaron nas paredes do centro murais realizados por eles mesmos que rendían homenaxe a tódolos escritores aos que se lle dedicou este día dende 1963; ademais estiveron expostos uns pósteres sobre a vida e obra da figura de Ramón Piñeiro, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.
Lembremos que esta celebración comeza formalmente en marzo de 1963; a Real Academia Galega decidiu homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria na lingua do noso pobo ou pola defensa da mesma. Cada ano está dedicado a unha personalidade diferente acordada pola Academia.
A data de celebración, o 17 de maio, escolleuse porque nun día coma ese, en 1863, publicouse en La Habana, o primeiro exemplar da obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, que significaría o “Rexurdimento” cultural da lingua galega.

15 may 2009

Visita do redactor Nacho Mirás ao CPI Camiño de Santiago



@s alumn@s de 1º de ESO do CPI "Camiño de Santiago "recibiron, o pasado mércores 6 de maio, a visita de Nacho Mirás, un xornalista de "La Voz de Galicia" que durante hora e media lles estivo explicando a mecánica que se segue para a elaboración diaria do xornal. Os rapaces e rapazas seguiron atentamente a charla e interrumpiron varias veces ao xornalista para facer preguntas sobre o xornal e sobre o seu oficio.


A actividade forma parte do programa "Prensa - Escuela", que leva a cabo a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. O encargado de coordinar a iniciativa foi o xefe de estudos X. Anxo Aldrei.


22 abr 2009

V Festival de Bandas


O venres 1 de Maio ás 20.30 horas celebrarase no Centro Socio Cultural Luis Seoane o V Festival de Bandas de O Pino. O festival está organizado conxuntamente pola Banda de Música de Arca e polo Concello de O Pino e a entrada é de balde.

Nesta V edición asiste como convidada a Banda de Música Llucmajor de Maiorca que interpretará no seu repertorio:
  • Ateneo Musical, de Mariano Puig
  • Selección de Música Mallorquina, Tradicional
  • A Tribute a Billy Joel, de Billy Joel
  • Pique Dame, de Franz von Suppè
  • Highlights from “Chees”, de Ulvareus&Anderson




A Banda de Música de Arca agasallaranos con catro das mellores pezas do seu repertorio:

  • En Homenaxe, de J. L. Represas
  • Arca de Noe, de Óscar Navarro
  • Danzas Armenias, de Alfred Reed
  • Oregón, de Hacob de Haan




Rematará o festival coa interpretación conxunta do Himno Galego.

14 abr 2009

VI Carreira Pedestre Popular Concello De O Pino 2009


O Concello de O Pino celebrará a 6ª edición da súa Carreira Pedestre Popular o sábado 9 de maio de 2009 na localidade de Arca – Pedrouzo baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo (Delegación de Santiago).

Nesta edición cambiouse a data ao mes de maio para evitar a coincidencia coa Semana Santa. Como novidade deste ano, ampliarase o circuíto para solucionar o problema das dobraxes que acaban mesturando a moitos atletas, pero manteranse a saída e a meta no mesmo lugar dos últimos anos.

Tamén haberá canicross como primeira carreira da xornada para facilitar a participación na carreira absoluta dos atletas que aínda queden con folgos, e probas dende os máis pequechos ata os veteranos.

1º Campionato de Billarda en O Pino

O vindeiro sábado 18 de abril, a partir das 16:00, desenvolverase no campo da Magdalena (Castrofeito) o 1º Campionato Aberto de Billarda no concello de O Pino. Este evento está organizado pola Asociación Cultural Deportiva Furabolos coa intención de difundir o xogo da billarda ou estornela.

As persoas interesadas en participar no evento non teñen máis que acercarse ao campo da Magdalena, xa que a entidade organizadora se encargará de aportar o material necesario.

Haberá tres premios:
  1. un xamón.
  2. un queixo.
  3. unha restra de chourizos.

Ademais, tódolos asistentes están convidados a unhas cañas no terreo de xogo.


 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text