10 dic 2010

VÍA LIBRE PARA O PROGRAMA LECER NADAL

O Concello de O Pino fomenta a compaxinación da vida laboral e familiar


O Consello Escolar do CPI Camiño de Santiago acaba de autorizar a utilización das súas instalacións para que o Concello desenvolva o programa LECER NADAL.

Trátase dunha iniciativa promovida desde os servizos de Conciliación Familiar do Concello para atender os escolares de O Pino durante o período de vacacións de Nadal e axudar así ás familias a compaxinar a vida laboral e familiar.

O programa LECER NADAL desenvolverase desde o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro con horario de 7:30 a 15:30 horas.

CONSTITUÍDO O NOVO CONSELLO ESCOLAR

A sesión trasladouse á Biblioteca ao estar ocupada a sala de xuntas coas eleccións sindicais.

O novo Consello Escolar do CPI Camiño de Santiago quedou constituído nunha sesión ordinaria deste órgano colexiado que se celebrou onte ás 17.30 horas na biblioteca Luís Seoane.

Nesta primeira sesión do Consello Escolar foron creadas a nova Comisión Económica e o Observatorio de Convivencia. Tamén se autorizou ao Concello o desenvolvemento do programa Lecer Nadal utilizando espazos do CPI. Non foi aprobada a solicitude do alumnado de 4º de ESO de vender bebidas azucradas e pastelaría industrial.

ELECCIÓNS SINDICAIS

O colectivo docente votou os seus representantes

Un total de 32.384 docentes do ensino público non universitario elixiron onte os seus representantes sindicais, logo de que as Mesas coordinadoras acordaron trasladar por motivos meteorolóxicos o día de votación, previsto inicialmente para o pasado día 2.

Presentaron candidaturas as organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), ANPE-Sindicato Independiente (ANPE), Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) e Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF).

As mesas electorais, que abriron ás once da mañá estiveron abertas ata as seis e media da tarde.

No CPI Camiño de Santiago, onde se localizou a mesa electoral 247, a porcentaxe de participación nestas eleccións foi alto, do 83%, ao exerceren o seu dereito a voto 39 docentes dos 47 censados.

Nesta mesa electoral a forza máis votada foi a CIG, que obtivo o 83% dos votos emitidos, 34 puntos porcentuais máis que CC.OO. En terceiro lugar situouse o STEG co 13% dos sufraxios seguido da UGT, co 8%, e de ANPE que obtivo o 3%. A CSIF non obtivo a confianza dos electores. Ademais, o 10% dos electores optaron polo voto en branco e un dos sufraxios resultou nulo.

4 dic 2010

XORNADA ESCOLAR ATÍPICA POR MOR DO XEO

A xornada escolar do venres quedou truncada no CPI Camiño de Santiago debido ás circunstancias meteorolóxicas. A rede viaria local amenceu cuberta de xeo en moitos puntos impedindo o funcionamento do transporte escolar de tódalas rutas agás a que serve a empresa Freire.

Ao chegar ao centro, parte do alumnado transportado optou por chamar ás súas casas para que viñeran a recollelos, polo que o colectivo docente tivo que suspender as actividades previstas e optou por realizar outras complementarias ou de reforzo por quendas co escaso alumnado que decidiu permanecer toda a xornada no centro.

Parte dos mestres e mestras de E. Infantil e E. Primaria, tamén aproveitaron a xornada para adiantar traballo na preparación das actividades de Nadal.

3 dic 2010

MODIFICACIÓN DO HORARIO ESCOLAR POR ALERTA DE NEVE E XEO

Educación trasladou a responsabilidade da decisión aos equipos directivos.

O CPI Camiño de Santiago adiantou o horario de saída seguindo as instrucións remitidas aos centros pola Consellería de Educación mediante un correo electrónico no que comunicaba a alerta por neve e xeo e se pedía a adopción das medidas de precaución necesarias «en atención ás circunstancias meteorolóxicas locais».

A dirección do centro, logo de consultar coas empresas de transporte escolar sobre as dificultades para o regreso dos escolares a casa, considerou necesaria a redución da xornada escolar como medida preventiva e decidiu adiantar o horario de saída.

Así, o alumnado de ESO rematou as clases ás 13:30 e o alumnado de E. Infantil e Primaria retornou aos seus domicilios unha vez que o trasporte escolar volveu de realizar o servizo da ESO.

V CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DO CONCELLO DE O PINO.

O prazo de presentación de obras remata o 10 de decembro

A Concellaría de Educación do Concello de O Pino organiza a 5ª edición do Concurso de Fotografía.

As persoas interesadas en participar nesta edición poden optar por tres categorías: personaxes, natureza e patrimonio, presentando, ata o 10 de decembro, obras inéditas de temática relacionada co concello de O Pino.

As bases establecen tres premios en metálico por categoría. Os gañadores obterán 125 euros, os segundos 75, e os terceiros 50 euros.

APROBADO O ORZAMENTO MUNICIPAL PARA O 2011

A crise obriga a un recorte do 7,45 por cento.

A Corporación aprobou en sesión extraordinaria o orzamento do Concello de O Pino para o 2011, que contou cos votos favorables do PP, a abstención dos socialistas, e o voto en contra do BNG.

No ano 2011, o Concello xestionará 3.939.263 euros. Esta cantidade supón unha redución de 316.737 euros respecto do orzamento do ano 2010 que ascendía a 4.256.000 euros.

A pesar deste recorte do 7,45 por cento por mor da crise, o investimento crecerá máis dun 100%, pois dos 598.000 euros investidos no ano 2010 pasarase a dispoñer de 1.296.000 euros para esta partida. Será o gasto o que sufrirá un recorte drástico.

2 dic 2010

O PINO TERÁ TANATORIO A FINAIS DO 2012

Disporá de tres salas e crematorio.


O Pino disporá de tanatorio a finais do ano 2012 nunha parcela da rúa das Minas, en Pedrouzo. Este novo servizo promóveo Funeraria Martínez, que xa conta con tanatorios en Frades e Oroso.

O proxecto foi aprobado no mes de outubro pola xunta de goberno municipal despois de aportar a empresa promotora tódolos permisos necesarios, tanto das consellerías de Sanidade e Medio Ambiente como da Dirección Xeral de Patrimonio e do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

As obras de construción, que contan cun orzamento de 400.000 euros e teñen un prazo máximo de execución de vinte e catro meses, execútaas a empresa Construcciones Lagares.

O edificio será construído en dúas plantas con 530 metros cadrados útiles e disporá de tres salas, crematorio e cafetaría. Tamén ofertará servizos asociados.

SENDA PEONIL PARA COMUNICAR O PINO CON TOURO

A Deputación de A Coruña aprobou un orzamento de case 220.000 euros para a execución do proxecto de construción dunha senda peonil de dous quilómetros entre os núcleos de Cebreiro, en O Pino, e Fonte Díaz.

A senda discorrerá por unha das marxes da estrada que comunica os citados núcleos de poboación.

En breve, o proxecto pasará á fase de exposición pública e presentación de alegacións.

1 dic 2010

NADAL SOLIDARIO

Promovido polo departamento de Relixión.

Desde o CPI Camiño de Santiago estanse organizando dúas campañas solidarias que se desenvolverán nos vinte primeiros días de decembro. A Operación Quilo está destinada á adquisición de alimentos non perecedoiros, como aceite, arroz, cereais, legumes ou pastas. A actividade Un xoguete, unha ilusión consiste na recollida de xoguetes novos ou en bo estado.

As doazóns depositaranse nunhas caixas específicas localizadas na entrada do centro ata o día 20 de decembro, para logo cederllas a Cáritas ou a outras iniciativas que fan entrega directa a familias sen oportunidades e medios.

Esta é unha boa oportunidade para desenvolver valores solidarios na comunidade escolar.
 

LERON PONTE AO DÍA (dende xaneiro do 2011)





Free counter and web stats


Sample text